Morreu en Monforte aos 73 anos o escritor e cantautor Antón Valcarce

Luis Díaz
luis díaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Antón Valcarce, nunha foto do 2020, cando presentou o seu primeiro libro infantil
Antón Valcarce, nunha foto do 2020, cando presentou o seu primeiro libro infantil FRANCISCO ALBO

Decidira facer país con temas cargados de conciencia social. «Nunca me saíron cancións de amor», confesaba

10 jul 2025 . Actualizado a las 11:44 h.

O escritor e cantautor monfortino Antón Valcarce faleceu este mércores, aos 73 anos, na cidade que o viu nacer. Personaxe polifacético, retranqueiro e cargado de vitalidade, o deterioro da súa saúde nos últimos tempos non foi impedimento para que seguise desenvolvendo todo tipo de iniciativas culturais. Desde presentacións de libros ata a recuperación do reloxo de sol do claustro do mosteiro de San Vicente do Pino, agora convertido en Parador de Turismo, que levou a cabo recentemente en colaboración coa asociación gastronómica e cultural O Tizón, da que en tempos fora socio. O velorio estará instalado ata mañá xoves no tanatorio Raúl, onde será incinerado a última hora da tarde nunha cerimonia familiar.

Antón Valcarce Losada naceu o 3 de maio de 1952 na casa co número 35 do campo da Compañía, na que residiu a maior parte da súa vida. Alí dirixiu moitos anos unha tenda de enmarcado de cadros e restauración de mobles. Tamén estivo á fronte, durante algún tempo, dunha tenda de instrumentos musicais na rúa Otero Pedrayo. A música foi desde novo a súa gran paixón. Integrante de varios grupos locais, como instrumentista dominaba a batería, a guitarra e los teclados.

Tras realizar estudos musicais en Madrid, e influenciado polos cantautores galegos da pasada década dos 70, decide «facer país» escribindo os seus libros e canción en galego. A súa militancia antifranquista levouno entonces a vivir un tempo en París. En tempos recentes saltou ás páxinas dos xornais por reclamarlle ao Bispado varias propiedades cuxa titularidade reclamaba para a familia Valcarce. Na súa aparente frivolidade, latexaba conciencia social e un punto de tristura. «Nunca me sairon cancións de amor», confesaba nunha entrevista publicada neste xornal.