Un pregón da escritora Estefanía Padullés abre a 26 Feira do Libro de Monforte

F. Albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Estefanía Padullés pronunciando o pregón inaugural
Estefanía Padullés pronunciando o pregón inaugural FRANCISCO ALBO

As xornadas celebraranse ata o sábado no tramo peonil da rúa Cardeal

21 ago 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Un pregón da escritora e ilustradora Estefanía Padullés, veciña do municipio de Paradela desde hai 12 anos, inaugurou este mércopres a 26 edición da Feira do Libro de Monforte, que se celebrará ata o sábado. No seu discurso recordou que coñeceu a cidade na súa infancia durante as paradas de tren, cando viaxaba cos seus pais de Barcelona a Ourense para visitar aos seus avós en Celanova.

No seu pregón, Estefanía Padullés aludiu ao lema da edición deste ano, «Onde florecen os libros», sinalando que «o libro é unha semente que precisou un longuísimo proceso para dar flores» e que corresponde aos lectores «converter a flor en froito». A pregoeira animou tamén aos visitantes da feira a «mercar un libro descoñecido que escape da vosa zona de confort» e a coñecer novos autores e editoriais.

O acto contou coa participación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen sinalou que as feiras galegas do libro «axudan ao descubrimento de novas experiencias arredor da lectura, ao tempo que enchen as vilas e cidades de propostas culturais diversas para toda a poboación». Na apertura tamén participou a responsable da área de Cultura da Deputación, Iria Castro, que sinalou que «as feiras danlle á lectura unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectores». O alcalde de Monforte, José Tomé, interveu igualmente no acto, sinalando que o lema da feira parece «altamente axeitado para Monforte e a Ribeira Sacra».

Os postos das librerías atraeron a numerosos visitantes inmediatamente despois da súa apertura
Os postos das librerías atraeron a numerosos visitantes inmediatamente despois da súa apertura FRANCISCO ALBO

Na actual edición participan cinco librerías e o servizo de publicacións da Deputación lucense. Os postos de venda de libros están instalados no tramo peonil da rúa Cardeal. Durante estas xornadas, o recinto abrirá de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas. Unha carpa destinada ás actividades culturais acollerá presentacións de libros, recitais de poesía e espectáculos teatrais para o público familiar. Hoxe e mañá ofreceranse a partir das 19.00 horas e o sábado tamén haberá actividades desde as 11.00.