A obra «Guerra» abrirá o ciclo teatral de outono en Monforte

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da representación da obra «Guerra», da compañía Teatro do Noroeste
Un momento da representación da obra «Guerra», da compañía Teatro do Noroeste CEDIDA

A primeira das cinco representacións previstas no programa correrá a cargo da compañía Teatro do Noroeste

03 oct 2025 . Actualizado a las 13:08 h.

A obra Guerra, da compañía Teatro do Noroeste, abrirá o próximo día 9 o ciclo teatral organizado pola concellería de Cultura, Ensino e Xuventude de Monforte para o último trimestre do ano. A función ofrecerase a partir das 20.15 horas. O prezo xeral da entrada será de cinco euros e reducirase a tres para estudantes, xubilados e desempregados. A obra, orixinal de Eduardo Alonso, «é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas», segundo explican desde o Concello. O espectáculo é representado polos actores Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. A música é orixinal de Bernardo Martínez, a escenografía e o vestiario corren a cargo de Carlos Alonso e a produción, de Eva Alonso.

O alcalde José Tomé animou aos veciños a asistir a esta representación e ás demais que conforman o ciclo, sinalando que responde á «aposta decidida que este goberno fai pola cultura e neste caso polo teatro galego». Todas as funcións previstas neste programa ofreceranse ás 20.15 horas. A continuación detállanse as demais representacións incluídas no programa:

23 de outubro. A compañía Fulano, Mengano e Citano representará a peza O que hai que ver!

6 de novembro. A seguinte función correrá a cargo do grupo Talía Teatro, coa obra Un deus salvaxe.

27 de novembro. Na cuarta xornada do ciclo, o grupo Antagonista Teatro porá en escena a peza Insubmisa.

4 de decembro. O programa pecharase coa representación do espectáculo Helen Keller, a muller marabilla, do grupo Chévere.