
A compañía monfortina de teatro afeccionado ofrecerá este sábado unha representación na Casa de Cultura
08 oct 2025 . Actualizado a las 13:28 h.O grupo de teatro afeccionado Teatreiras, radicado en Monforte, cumpre 25 anos desde as súa fudación e para celebralo representa a obra Retrincos e cousas de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do célebre artista, escritor e político. A peza será posta en escena este sábado na Casa de Cultura monfortina a partir das 20.00 horas. A obra xa foi representada en varios lugares a través do Circuíto de Teatro Afeccionado da área de Cultura de Deputación de Lugo.
A directora de Teatreiras, Francisca Abeledo, sinala que desde a súa fundación a compañía foi evolucionando a partir dun enfoque inicial «como motor de benestar social e participativo para persoas maiores» para converterse nun «grupo interxeracional que abrangue todas as idades, desde os máis maiores que aínda manteñen a actividade ata os máis novos, que a desfrutan na súa diversidade». Durante estes anos, engade, a compañía «empeñouse en sementar e compartir o amor polas artes escénicas, o gusto lúdico polo teatro, a fluidez das interrelacións sociais, e tamén xerar e promover cultura, facela máis accesible a todos os públicos».
A compañía, apunta por outra parte Abeledo, ten tamén a posibilidade de organizar actividades para «xerar espazos de encontro con outros artistas». Unha destas iniciativas, que foi proposta aos institutos e colexios de secundaria de Monforte, consiste en organizar un coloquio co dramaturgo e director Eduardo Alonso, creador da obra Guerra, que a compañía Teatro do Noroeste representará este xoves no edificio multiusos de Monforte a partir das 20.15 horas. Ao día seguinte pola mañá, Alonso e varios actores do elenco participarán nun encontro cos alumnos e os seus familiares que se desenvolverá baixo o lema «Pensamento crítico no teatro. Outras maneiras de mirar».