O ciclo organizado polo Concello continuará ata o 20 de decembro
23 oct 2025 . Actualizado a las 19:35 h.O alcalde de Monforte, José Tomé, presentou a programación completa do ciclo teatral organizado polo Concello para o último trimestre do ano, que comprende un total de once obras. O programa arrancou o pasado 9 de outubro coa representación da obra Guerra a cargo da compañía Teatro do Noroeste e continuou coa posta en escena de Retrincos e cousas de Castelao, ofrecida o día 11 na Casa de Cultura polo grupo local Teatreiras.
O ciclo seguiu este xoves coa peza O que hai que ver!, do grupo Fulano, Mengano e Citano, representada no auditorio do edificio multiusos. A continuación detállanse as seguintes funcións do programa. Nas que están previstas para os días 6 e 27 de novembro e 4 de decembro, a entrada xeral custará cinco euros, un prezo que se reducirá a tres euros para os estudantes, desempregados e xubilados. Nas demais representacións a entrada será gratuíta.
30 de outubro. A compañía Ubú Teatro representará ás 18.30 horas na Casa de Cultura a obra O vixilante de sonos, dirixida a todos os públicos. Ás 20.15, o grupo Baixodaarea porá en escena a peza Poeta en Nova York, para o público adulto.
6 de novembro. A seguinte función correrá a cargo do grupo Talía Teatro, coa obra Un deus salvaxe, que se representará a partir das 20.15 horas no edificio multiusos.
8 de novembro. O grupo Argalleiras Teatro ofrecerá na Casa de Cultura a representación da obra As cousas que importan a partir das 20.00 horas.
27 de novembro. A compañía Antagonista Teatro escenificará a peza Insubmisa no edificio multiusos a partir das 20.15 horas.
4 de decembro. A compañía Chévere Teatro representará no auditorio do multiusos, a partir das 20.15 horas, a obra Helen Keller, a muller marabilla.
11 de decembro. O grupo Loia Producións porá en escena no multiusos a peza María Visitación Consolación Amadora. A función comezará ás 20.30 horas e está dirixida a un público maior de 15 anos.
20 de decembro. O ciclo pecharase coa representación de O boleto, a cargo do grupo monfortino de teatro afeccionado Viraventos. Será na Casa de Cultura a partir das 20.00 horas.