O Colectivo Vermut recupera a memoria de Modesta Fernández, a cega de Noceda, nun concerto-presentación en Monforte
MONFORTE DE LEMOS
O proxecto O violín que trae o vento, do músico Adrián Méndez, será presentado o 13 de decembro no Centro do Viño cun concerto da violinista Carmen Gallego
10 dic 2025 . Actualizado a las 10:30 h.O Colectivo Vermut volve cun novo formato para achegar á Ribeira Sacra unha proposta cultural centrada no patrimonio inmaterial. O sábado 13 de decembro, ás 12:00 horas, o Centro do Viño de Monforte acollerá a presentación e concerto do libro-disco O violín que trae o vento, un proxecto de investigación e recuperación da memoria da violinista popular Modesta Fernández, coñecida como a cega de Noceda.
A obra é fruto do traballo do músico e investigador Adrián Méndez Fernández, gaiteiro e zanfonista do grupo De Ninghures, e recolle o repertorio e a historia de Modesta Fernández. Esta violinista animou durante décadas as festas, polavilas e ruadas da comarca da Fonsagrada e das zonas limítrofes con Asturias, converténdose nunha figura clave da música tradicional da zona.
A publicación, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, non se limita ao texto. Inclúe recreacións do repertorio de Modesta interpretadas por seis prestixiosas violinistas galegas: María Jorge, Aldara Palmeiro, Antía Ameixeiras, Marina Carpente, Carmen Gallego e Begoña Riobó. Para achegar esta dimensión sonora de xeito inmediato, o libro incorpora códigos QR que permiten escoitar as pezas reinterpretadas.
Precisamente, a parte musical terá un papel protagonista durante o acto de presentación en Monforte, que incluirá un concerto da violinista Carmen Gallego. Neste, interpretará parte do repertorio recompilado, dotando de vida e son en directo o legado de Modesta Fernández.
O Colectivo Vermut mantén con esta iniciativa a súa liña de programación baseada na cultura de proximidade, o coidado polo detalle e a posta en valor do talento local e galego. Adrián Méndez Fernández, como investigador e divulgador do patrimonio inmaterial, encaixa perfectamente nesta filosofía, ao combinar a súa faceta de intérprete coa docencia e a produción cultural.
O acto do vindeiro venres preséntase como unha oportunidade singular para mergullarse nunha parte da historia musical galega menos coñecida, recuperada cun labor meticuloso e presentada nun formato que combina o rigor documental coa emoción do concerto en vivo. Unha cita para reivindicar a memoria das músicas tradicionais e das persoas que as levaron de aldea en aldea.