«Coa pandemia, cada vez vese máis xente facendo escalada»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O INCIO

Unha actividade organizada anteriormente polo club na antiga canteira de pedra caliza de Buxán
Unha actividade organizada anteriormente polo club na antiga canteira de pedra caliza de Buxán CEDIDA

O club de montaña Buxán organiza por primeira vez un curso de autorrescate na antiga canteira do Incio da que tomou o nome

17 oct 2020 . Actualizado a las 19:42 h.

Durante esta fin de semana, o club de montaña Buxán organiza por primeira vez un curso de técnicas de autorrescate na antiga canteira que lle dá nome ao colectivo, situada na parroquia de Santa Cristina de Viso, no municipio do Incio. A canteira é coñecida por ser o lugar onde apareceron -no ano 1961- os únicos restos fósiles de mamut que se descubriron ata agora en Galicia, pero tamén é moi visitada polos afeccionados ao montañismo. Desde hai anos, na canteira existe unha escola de escalada, unha denominación que se dá ás zonas rochosas habilitadas para esta práctica deportiva. Os integrantes do club Buxán reequiparon esta escola instalando novas ancoraxes nas paredes de rocha e abrindo máis vías de escalada que se sumaron ás xa existentes, ata ultrapasar as sesenta.

O presidente do club, Álex Villa García, sinala que a situación de crise sanitaria obriga tamén a tomar medidas de prevención de contaxios entre os escaladores. «Como en moitas outras actividades, hai que utilizar máscaras e manter as distancias de seguridade», explica. Porén, no curso de autorrescate que se desenvolve estes días na canteira do Incio, estas restricións non teñen por que causar moitos inconvenientes. «Trátase de aprender unha serie de técnicas para previr accidentes e para resolver certos problemas que poden darse nas escaladas, pero para iso non é necesario escalar, e ademais as clases impártense en grupos pequenos, de oito persoas como máximo, polo que as medidas de prevención non son difíciles de aplicar neste caso», agrega Villa.

Actividade en incremento

Por outra parte, o presidente do club Buxán apunta que a epidemia de coronavirus non parece está reducindo as actividades de montañismo en Galicia, senón todo o contrario. A consecuencia do estado de alarma sanitaria, a asociación tivo que cancelar este ano un «Encontro de escaladores tropicais» que organiza na canteira do Incio a primeira fin de semana de xullo. «Chamámoslle así porque ademais de escaladores somos amantes da cumbia», di Álex Villa. Pero á marxe deste contratempo -engade-, nos últimos meses notouse un aumento da afluencia de visitantes á canteira de Buxán e a outras zonas de escalada frecuentadas polos membros do club, como o canón do Sil. «Coa pandemia cada vez vese máis xente facendo montañismo e escalada, probablemente porque agora hai moitas outras cousas que non se poden facer e porque estas actividades se desenvolven en espazos naturais abertos onde o risco de contaxio é máis reducido», comenta.

Nos últimos tempos, di así mesmo Álex Villa, é raro pasar pola canteira de Buxán e por outros lugares deste tipo sen ver xente practicando a escalada. «Non é que haxa multitudes, pero é bastante normal e encontrarse con grupos numerosos, de ata unha decena de persoas, o que antes era máis infrecuente», apunta.

Máis que a pandemia, di o presidente do club, o principal obstáculo para a práctica do montañismo é a meteoroloxía, algo que sucedeu sempre nesta clase de actividades e especialmente en Galicia. «Dependemos moito do tempo que faga e en ocasións temos que cancelar actividades que tiñamos previstas porque as condicións meteorolóxicas non son adecuadas, que foi o que nos pasou hai pouco tempo cunha saída que queríamos facer á Serra dos Ancares», indica. Deixando aparte os imprevistos deste tipo, o club Buxán ten intención de seguir desenvolvendo con normalidade as súas actividades habituais.

Unha asociación que xa conta con máis de sesenta socios e segue crecendo

O club de montaña Buxán, que se formou hai arredor de tres anos, está formado por veciños do Incio, Monforte, Pantón e outros municipios lucenses, sobre todo da zona sur. Aínda que o curso de autorrescate que se imparte na canteira de Buxán é o primeiro que organiza, o colectivo ten desenvolvido numerosas actividades desde a súa fundación. A asociación agrupa a membros doutro club de montañismo máis antigo, Val da Néboa, desaparecido hai anos. «Para nós son uns clásicos», di Álex Villa.

A entidade ten en torno a sesenta socios, pero espera que o número siga medrando nos próximos meses. «Somos un club de xente nova e rural, o que non soe ser normal, porque os clubes de montañismo cada vez están máis envellecidos», apunta por outra parte o presidente.

 

A canteira de Buxán é unha das tres únicas escolas de escalada de Galicia situadas en barrancos de rocha caliza. As outras dúas encóntranse en Visuña -no municipio de Folgoso do Courel- e a serra de Enciña da Lastra, na comarca ourensá de Valdeorras. Non obstante, para realizar prácticas de escalada neste último lugar hai unha serie de restricións, xa que está nun parque natural, o que non sucede nos outros dous sitios. «Para os escaladores que preferimos a rocha caliza, eses son os lugares de referencia en Galicia, porque nos demáis escolas de escalada da comunidade o que hai son paredes de granito», di Álex Villa a este respecto. Á esquerda, prácticas de escalada nos barrancos de Visuña, nunha imaxe de arquivo