As mellores imaxes de Nadal de Pantón

La Voz

PANTÓN

A asociación Segredos de Pantón deu a coñecer aos gañadores do seu sétimo certame fotográfico

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:45 h.

A asociación cultural Segredos de Pantón deu a coñecer aos gañadores do seu sétimo certame fotográfico de Nadal. Ao igual que nas anteriores edicións, ao concurso debían presentarse imaxes tomadas durante o outono e os inicios do inverno en calquera punto do territorio municipal. O período de presentación estivo aberto entre o 2 e o 31 de decembro. Os galardóns foron outorgados de acordo co número de votos que recibiron as imaxes a través de internet. O prazo para as votacións permaneceu aberto ata as 17.00 horas deste luns.

O primeiro premio recaeu na imaxe «Fresca noite», tomada por Cristina Cardo na localidade de Seragude, na parroquia de San Xoán de Frontón, que recibiu un total de 56 votos. En segundo lugar quedou «Augacaída», unha fotografía realizada por Diego Pérez na célebre fervenza do mesmo nome —entre as parroquias de Atán e Vilar de Ortelle—, que recibiu 55 votos. O terceiro lugar, con 38 votos, correspondeu a «Ponte entre freguesías», de Irene Laguno Baz, unha imaxe da ponte das Bidueiras, na parroquia de Santo Estevo de Espasantes.

Os autores das fotografías premiadas serán agasallados cunha serie de produtos cedidos por empresas e comercios locais. Desde a asociación organizadora sinalan que en total foron emitidos 217 votos e que esta edición do certame foi moi disputada, con votacións moi igualadas. O colectivo expresou o seu agradecemento a todos os participantes, ás persoas que participaron na votación e ás empresas colaboradoras.