A empresa Estudio Gnomo leva desde o 2015 asentada en Galegos
16 ene 2025 . Actualizado a las 17:29 h.Este ano cúmprese o décimo aniversario da creación de Estudio Gnomo, unha empresa de deseño gráfico e ilustración radicada na aldea de Galegos, na parroquia de San Vicente de Castillón, do municipio de Pantón. Os seus creadores, Iria Iglesias Álvarez e Daniel Viéitez García (Vigo, 1980 e 1979, respectivamente), adquiriron no 2011 nesta localidade a casa na que viven e traballan. «A miña familia é de Pantón, en certo momento xurdiu a posibilidade de comprar unha casa en Galegos e decidimos virnos aquí», explica Daniel.
Iria Iglesias é deseñadora gráfica e Daniel Viéitez formouse no terreo do márketing. A súa empresa ofrece servizos en múltiples campos: deseño editorial, deseño e mantemento de páxinas web, xestión de redes sociais, deseño de imaxes corporativas para empresas, regalos publicitarios... Tamén elaboran carteis, tarxetas de visita e invitacións para vodas —entre outros produtos—, ademais de ilustrar libros, algúns dos cales son escritos e editados por eles mesmos. «Pero aparte das nosas outras actividades, o que facemos sobre todo é deseño gráfico, que é o groso do noso traballo», di Daniel Viéitez.
O feito de ter o estudio e a sede social nunha aldea como a de Galegos, din os responsables de Estudio Gnomo, non supón moitas dificultades técnicas para unha empresa deste tipo. «Hoxe en día, e máis a raíz da pandemia, traballar a distancia non é moi complicado se tes acceso a internet», explican. Claro que ás veces tamén poden aparecer problemas. «A conectividade a internet falla algunha vez, sobre todo antes de que nos instalasen a fibra óptica, que foi recentemente, e cando hai apagóns ou problemas de loxística ou de transportes tardan algo máis de tempo en solucionarse que nunha cidade grande», engaden.
Pero as dificultades que pode haber, ao seu xuízo, son compensadas polas vantaxes que supón a vida no medio rural. «Temos moita tranquilidade, vivimos rodeados de natureza e á hora de criar aos os pequenos parécenos un ambiente moito mellor, sen o abafo das cidades», comentan.
A ilustración e a edición de libros, un dos seus campos de actividade
Os responsables de Estudio Gnomo teñen traballado con frecuencia no mundo editorial. Son autores, ilustradores e editores dos libros Mitos e lendas da Ribeira Sacra, da serie de literatura infantil O raposo Rufo —composta por sete títulos—, Pilonga e Amanito e tamén Pelo de nube, este último publicado por Edicións Embora. Realizaron ademais as ilustracións das obras Galicia, nosa ledicia, de Xosé Neira Vilas, e A pantasma Cocociñas, de Paula Merlán.
O ano pasado publicáronse outros dous libros ilustrados por Iglesias e Viéitez: Fina e os mapas —da asociación Ghandalf, que promove o software libre— e Rodolfo Ucha e o modernismo en Ferrol, editado polo Concello ferrolán. Para este ano, Estudio Gnomo non ten previsto novas iniciativas editoriais. «Temos proxectos con varias empresas privadas, de deseño de webs e outras cousas, pero a nivel editorial non hai nada concreto a curto prazo», sinala Viéitez.
Estilo minimalista
En canto ao estilo de deseño propio da empresa, os seus responsables cren que é complicado definilo. «Eu respondería cun ‘depende' moi galego, porque sempre tratamos adaptarnos moito aos gustos e ás necesidades de cada cliente», di a este respecto Iria Iglesias. «Se tivese que definilo, diría que é minimalista, colorido, divertido e cun toque naif», engade. Na ilustración, di por outra parte, o seu estilo é «algo menos metódico» que no deseño gráfico.
Unha firma que ten máis da metade da súa clientela nos municipios da Ribeira Sacra
A circunstancia de vivir e traballar nun municipio da Ribeira Sacra, din os propietarios de Estudio Gnomo, supón unha proximidade moito maior e un contacto máis estreito cunha gran parte dos seus clientes. «Facemos traballos para toda España, pero máis da metade da nosa clientela é da Ribeira Sacra», apunta a este respecto Daniel Viéitez. «Hai moitas empresas locais que prefiren traballar con xente que viva preto, como é o noso caso, porque vivindo no mesmo territorio podemos coñecer moito mellor as súas características e as súas necesidades, e non é o mesmo que con calquera empresa de fóra», agrega.
Todo o traballo de Estudio Gnomo lévase a cabo na aldea de Galegos, exceptuando a impresión dos seus produtos, que se realiza en Vigo. Despois do tempo que leva funcionando a empresa en Pantón, os seus responsables non teñen ningunha intención de mudarse. «Estamos moi asentados e moi contentos de vivir aquí, traballamos bastante ben e de momento non temos previsto irnos a outro sitio», apunta Iria Iglesias.