Rubén Gutiérrez, músico: «As miñas melodías naceron podando viñas vellas na Ribeira Sacra do Sil»

QUIROGA

Madrileño residente en Quiroga e promotor do proxecto musical Peitoescuro, Gutiérrez presenta o seu primeiro tema acompañado dun vídeoclip

24 ene 2025 . Actualizado a las 11:27 h.

O proxecto musical Peitoescuro é unha iniciativa de Rubén Gutiérrez Gartem (Madrid, 1992), que reside desde hai anos na parroquia de Augas Mestas, no municipio de Quiroga. A pesar de non ter ningunha raíz familiar en Galicia exprésase en galego, idioma que utiliza nas súas composicións musicais. A partir deste venres difundirá en internet o videoclip de Alvorada, o primeiro tema musical que publica e que polo momento só se divulgará en formato dixital. O pasado sábado ofreceu unha preestrea do vídeo, acompañada dunha actuación musical, na sala Cinema Palleiriso —na parroquia de Mariz, en Chantada— xunto coa percusionista María Rojo, natural de Pantón. Gutiérrez ocúpase de cantar e de interpretar a guitarra.

—Como chegou ao mundo da música?

—Dunha maneira totalmente autodidacta. Son enxeñeiro agrícola especializado en oleicultura e non teño formación profesional no terreo da música, nin tampouco antecedentes familiares. O feito de traballar no mundo da agricultura e de vivir tan cerca da terra labrada tróuxome as cancións á gorxa. As miñas primeiras melodías naceron podando viñas vellas na Ribeira Sacra do Sil nun mes de xaneiro, cun frío que xeaba as mans. Aprendín moito da música tradicional, participei en foliadas e certames de cantos de taberna, e tamén teño ofrecido actuacións en diversos lugares. A primeira foi nunha rúa de Monforte.

—Por que decidiu aprender galego e utilizalo nas súas cancións?

—Cando vin a Galicia fíxenme autónomo e por motivos profesionais tiven moito trato cunha señora de Vilagarcía de Arousa que falaba sempre en galego, un galego cheo de gheada e seseo. Pareceume unha lingua moi bonita e melodiosa e decidín aprendela por inmersión. Agora falo habitualmente en galego e tamén utilizo esta lingua para compoñer e cantar.

—Como definiría o seu estilo musical?

—É difícil de definir. Diría que é unha mestura de folclore galego con flamenco, toques tribais... Ás veces digo que é folclore ibérico, pero non lle atopo unha definición exacta.

—En que se inspira «Alvorada»?

—Todos os meus temas teñen que ver coa natureza, son como a expresión da paisaxe. Pretendo que teñan unha carga poética, que sexa unha mestura de paisaxe e sentimento. Alvorada foi producida por Iago Pico, o produtor de Tanxugueiras. Cando contactei con ele envieille unha gravación deste tema, gustoulle moito e apostou fortísimo por el.

—Onde foi gravado o videoclip?

—En diversos lugares de Quiroga, sobre todo na parroquia de Augas Mestas, onde vivo. O vídeo foi dirixido por Álex Baena, un amigo meu da infancia que ten traballado no mundo do audiovisual e da publicidade. Ten unha alma de cineasta e de feito o vídeo de Alvorada é como unha pequena película de catro minutos de duración. A miña intención é axudar a construír unha identidade visual para as terras de Quiroga ,onde hai recunchos cunha paisaxe incrible, e este vídeo ten que ver con iso, coa estética dos elementos naturais deste territorio.

—Que significa o nome Peitoescuro?

—É como unha mala tradución do nome castelán do paxaro que se chama en galego paporrubio, unha das ave que máis se ven no inverno. En castelán, o paporrubio chámase petirrojo, pero a cor vermella non me gustaba e decidín cambiala pola negra. É unha mala tradución, pero tamén fala das miñas orixes, é dicir, dunha orixe impura e mestiza, porque aínda que o intente nunca chegarei a ser completamente galego. A miña música tamén ten moito que ver coa mestizaxe.

—Que ten previsto facer despois de gravar este primeiro tema?

—Estou preparando o segundo, que saíra en abril nunha data que aínda non está fixada. En vez de comezar cun álbum decidimos ir adiantando varios sinxelos. Os dous próximos farémolos da mesma maneira. A nosa idea é editar máis adiante un disco de longa duración, que esperamos que saia este ano, pero antes hai que conseguir financiamento.

—Pensa ofrecer máis actuacións en directo?

—María Rojo e eu iniciaremos en abril unha xira e non temos prevista unha data para acabala. Nesta xira esperamos conseguir os fondos que financiarán a edición do disco.