
Natural da parroquia de Montefurado, participará este mércores no ciclo de charlas Faladoiros
25 may 2025 . Actualizado a las 18:28 h.O músico Manuel Durán —natural da localidade dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado— protagonizará a nova sesión do ciclo de charlas Faladoiros, organizado polo Concello de Quiroga. O acto, baixo o título «O folclore como sinal de identidade dun pobo», celebrarase o día 28 na biblioteca do centro social, a partir das 18.00 horas, e estará aberto a todas as persoas interesadas.
Manuel Durán emigrou a Barcelona en 1970 e regresou a Galicia en 1987. Instalado na Rúa de Valdeorras, fundou en 1989 neste municipio ourensán a escola de música tradicional Abertal, na que segue traballando actualmente como músico. O encontro, segundo explican desde o Concello de Quiroga, organízase «aproveitando que maio é o mes das Letras Galegas e que este ano están dedicadas ás cantareiras e a poesía popular oral» e ten o obxectivo de resaltar «a importancia de preservar o noso folclore —música, canto e baile tradicional— e poñelo en valor como sinal de identidade».
Os responsables municipais sinalan que Manuel Durán é un «estudoso incansable da música tradicional» e que «traballa tamén na recuperación da nosa tradición oral». O músico, por propia contar e en colaboración con outros investigadores, ten realizado labores de recollida de mostras da tradición musical popular, algunhas delas na parroquia de Montefurado. «No encontro, ademais de achegarnos á traxectoria no mundo da música tradicional do noso convidado, coñeceremos tamén como é o traballo do día a día para recuperar e manter o noso folclore e como está na actualidade a saúde de todo este patrimonio cultural que atesouramos e do que deberiamos estar moi orgullosos», apuntan por outra parte desde o Concello.