A organización do trail de Quiroga estuda un novo percorrido para evitar as zonas queimadas polo lumes
QUIROGA

Descartan suspendela porque prefiren darlle visibilidade ao problema provocado polo incendios
22 ago 2025 . Actualizado a las 19:45 h.No Quiroga Trail Challenge (QTC) lembran ben o incendio do 2022 en Folgoso do Courel, que provocou que parte do seu recorrido quedase arrasado polas chamas. Este ano a situación repítese cos lumes que afectan ao concello de Quiroga. A organización anunciou a través dun comunicado que non abrirá aínda o prazo de inscricións previsto para o 1 de setembro, á espera de que a situación se estabilice e poidan deseñar un novo recorrido para a carreira.
A decisión responde tamén ao estado dalgúns espazos chave do percorrido planificado para o 28 de febreiro do ano que vén. Unha das zonas máis danadas polos lumes é o val de Soldón, un dos lugares de paso do trail e actualmente en moi mal estado. Ante a imposibilidade de seguir coa mesma ruta, dende a organización o director do QTC, Blas Rodríguez, descarta continuar co mesmo traxecto: «Non podemos deixar que a xente corra pola zona queimada por respecto e por unha cuestión psicolóxica».
Por iso, a organización xa traballa en alternativas que garantan a seguridade e o respecto polo territorio. Dentro das posibilidades que manexan, a mellor opción foi pospoñer as inscricións para traballar con calma e ver ata onde chega o lume. Porque o traballo de deseño dunha nova ruta non é sinxelo. «Temos que comprobar os camiños, a viabilidade dos terreos, comprobar o traxecto... É un proceso que pode levarnos un ou dous meses», comenta o director. Entre as propostas da ruta está «desvialo ao oeste —explica—, cara Margaride e Carballo de Lor» para alongalo do terreo queimado.
Mentres tanto, a comunidade de participantes e afeccionados respondeu cun apoio xeneralizado á decisión. O anuncio publicado nas súas redes sociais foi ben recibido por parte dos usuarios, que mostraron comprensión con mensaxes de ánimo. Blas Rodríguez só ten palabras de agradecemento: «Estou moi contento co recibimento que estamos a ter». Para o director, a carreira é «o menos importante do incendio» e subliña que o primeiro é que todo volva a normalidade, para así poder reestruturar o percorrido da mellor maneira posible.
Mais aló da competición deportiva, a organización insiste no valor social da convocatoria. O Quiroga Trail Challenge é unha competición que ten 11 edicións e este ano moveu a 2.000 persoas. Por iso a intención da organización é clara: «Queremos darlle unha oportunidade e continuar coa carreira».
Para Blas Rodríguez a opción de non continuar con ela non se contempla. Segundo el, manter a carreira no concello, aínda que sexa con outro recorrido, «é unha boa maneira de apoiar á poboación afectada polos incendios xa que a competición dá visibilidade». E da mema maneira, permite á xente coñecer máis preto como afectan os lumes ás aldeas e a súa contorna. «Espero que a carreira non decaia —di o director— para poder seguir axudar á zona».