Suspenden en Quiroga a celebración do Qui-Roma pola vaga de lumes

Pedro Chico / F.A MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

Quiroga celebrará a festa castrexo-romana no 2026
Quiroga celebrará a festa castrexo-romana no 2026 CEDIDA

A asociación organizadora lamenta a situación e di que «non é tempo de organizar unha festa»

22 ago 2025 . Actualizado a las 15:49 h.

A organización da festa castrexo-romana de Quiroga, o Qui-Roma decidiu suspender a súa décima edición. A situación do concello cos lumes non deu ningunha outra opción ao seu patrocinador, o Concello quirogués. O alcalde e o equipo de goberno consideran que suspender esta edición e pospoñer a celebración ao 22 de agosto do ano que ven é a decisión máis axeitada.

Os organizadores explican que a festa do Qui-Roma é un festexo diferente, un dos máis populares no municipio, no que «a súa base é a implicación e participación da veciñanza». Por iso, agora pensan que non é o momento máis axeitado para celebrar a festa como tiñan previsto, os días 29 e 30 de agosto: «Cremos que non é tempo de organizar unha festa na que o estado de ánimo é fundamental».

A asociación organizadora do Qui-Roma lamenta a situación é cren que é unha decisión difícil pero correcta. Ademais, envían unha mensaxe de apoio a unha das persoas que máis «axudou e se implicou» no proxecto, o gandeiro Mario Nogueira. Explican que os incendios ameazaron con gravidade a gandería deste colaborador en Chao da Casa, un dos núcleos máis afectados polas chamas.

O Concello de Quiroga e os colaboradores da asociación Qui-Roma fan pública a data da celebración da décima edición da festa, o sábado 22 de agosto de 2026. E mandan un mensaxe de apoio e ánimo a comunidade e os habitantes da zona: «Tócanos levantarnos destes días tristes, e desexar que Quiroga volva ser o paraíso que sempre foi».