A película, dirixida por Ángeles Huerta, poderá verse este sábado na Casa de Cultura
28 nov 2025 . Actualizado a las 17:58 h.A Casa de Cultura de Quiroga acollerá este sábado a proxección da película Antes de Nós, que reflicte a vida de Daniel Castelao antes de converterse nun referente do galeguismo. O filme poderá verse a partir das 18.00 horas nunha función que forma parte do ciclo municipal Seráns de Cine e Teatro. A película, dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira, conta co patrocinio da área de cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
O filme aborda a vida de Castelao e da súa dona, Virxinia Pereira, en dúas épocas diferentes. Unha delas, sinalan desde o Concello de Quiroga, foi o ano 1918, «cando Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española». O outro período reflectido na película corresponde ao ano 1929, cando o matrimonio viaxa a Bretaña despois do falecemento do seu único fillo.
Antes de Nós é a terceira obra de Ángeles Huerta, que gañou tres premios Mestre Mateo e foi proposta para os premios Feroz do 2018 pola súa primeira longametraxe, o documental Esquece Monelos, que tamén obtivo unha mención especial do xurado no festival Documenta Madrid. O primeiro filme de ficción da cineasta, O corpo aberto, foi presentado no festival Seminci de Valladolid no 2022 e recibiu doce premios Mestre Mateo no 2023.