Manuel Blanco, profesor e poeta: «O meu libro é un percorrido polas etapas da vida dun home»

RIBAS DE SIL

Natural de Ribas de Sil, acaba de publicar o poemario en castelán «Varaderos»
20 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Nado en Ribas de Sil en 1957, Manuel Blanco é un profesor xubilado e autor do libro de poesía Varaderos, publicado recentemente pola editorial barcelonesa Ediciones Oblicuas. A obra foi presentada a un certame literario convocado por esta editorial e recibiu unha mención especial na que se recomendaba a súa publicación. Blanco reside actualmente no seu municipio natal.
—Este libro é a primeira obra literaria que publica?
—En solitario si, pero antes xa colaborara en varios obras colectivas con poemas e contos. Púxenme a escribir este libro mentres vivía en Corcubión, onde traballei como profesor durante dezaseis anos. Antes tamén traballei por un tempo en Calella —na provincia de Barcelona— e noutras localidades de Galicia. Comecei a escribir tarde, cando tiña entre trinta e corenta anos. Como agora teño moito tempo libre, penso seguir escribindo e espero publicar máis cousas.
—A que se refire o título da obra?
—Simboliza as diferentes etapas da vida. Un varadoiro é un lugar onde se deteñen os barcos despois dunha navegación para ser limpados ou reparados antes de iniciar outra. O meu libro é un percorrido polas diferentes etapas da vida dun home e dalgunha maneira pódese ler como unha narración artellada mediante poemas.
—Escribe unicamente en castelán?
—Son galegofalante de nacemento e escribo tamén en galego. Esta obra está en castelán porque a presentei a un certame convocado fóra de Galicia, pero teño unha versión deste mesmo libro en galego que me gustaría publicar tamén algún día. Ao escribir en galego teño certos problemas porque fun alfabetizado unicamente en castelán, como toda a xente da miña idade, e cústame afacerme a escribir na normativa oficial. Ao escribir en galego hai veces que non me acaba de convencer como queda o texto escrito na norma oficial, pero outras veces gústame.
—Cales son as súas influencias ou seus gustos como lector?
—Son bastante variados, pero interésame moito o que se coñece como poesía da experiencia, coa que creo que este libro ten bastante relación. En castelán interésanme moito as obras de poetas como José Ángel Valente ou Jaime Gil de Biedma. Gústanme ademais autores doutras correntes, como Cavafis ou Baudelaire, e poetas anglosaxóns como John Milton, William Blake, T. S. Eliot ou Ezra Pound. Na poesía galega teño moita admiración por Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Xulio López Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Olga Novo... E entre os máis novos interésame moito Alba Cid.
—O seu traballo como docente tiña relación coa literatura?
—Non, dei clases de matemáticas cando aínda existían as especialidades, e despois tamén doutras materias, pero nunca de lingua ou literatura. Fun facendo a miña cultura literaria como puiden, porque veño dunha familia humilde e na miña casa non había libros. As primeiras obras literarias que lin foron as que viñan naquelas antoloxías que nos daban a ler na escola.
—Ten outras obras en preparación?
—Teño outros poemarios, algúns xa rematados e outros en proceso, e unha novela que escribín hai xa algún tempo e que teño pensado reescribir. Tamén teño algúns albumes infantís ilustrados e contos para nenos que me gustaría publicar.