Loli Rodríguez, escritora: «Na miña novela, a adopción é un símbolo da busca da identidade»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

RIBAS DE SIL

Loli Rodríguez é natural de Torbeo, criouse en Monforte e vive en Vigo
Loli Rodríguez é natural de Torbeo, criouse en Monforte e vive en Vigo CEDIDA

Rodríguez presentou en Monforte o seu primeiro libro, «Os nomes de Val»

08 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Loli Rodríguez (Torbeo, Ribas de Sil, 1964) presentou onte a súa novela Os nomes de Val nun acto celebrado no centro cívico do paseo do Malecón de Monforte. O libro, que foi publicado recentemente na pola editorial coruñesa Medulia, é o primeiro da autora, que traballa como celadora no hospital Meixoeiro de Vigo. Aínda que naceu en Torbeo, considérase tamén monfortina, xa que se criou nesta cidade. «Vin para Monforte cando tiña 4 ou 5 anos e sigo tendo aquí unha casa», explica.

—De que trata «Os nomes de Val»?

—É a historia dunha nena criada en adopción na década de 1960 que conta a súa vida. Desde a primeira páxina nótase que a súa adopción ten algo de turbio, porque os pais esperaban ter unha nena loura e de ollos azuis, e cando lles chega ven que ten trazos orientais. Por este motivo sofre problemas de inseguridade e de adaptación. Nesta novela, a adopción é un símbolo da busca da identidade propia, que é o do que máis fala o libro. Iso é algo moi importante para todo o mundo, saber de onde ve e onde vas. O problema é cando te sentes distinto e iso crea traumas e inseguridades. Pero é tamén unha novela coral con moitos personaxes e historias de familia.

—A historia está baseada en feitos reais?

—Non, para nada, tomeime moitas liberdades e todo o que conta a novela é imaxinario. Os escenarios son lugares reais, que son os mesmos lugares onde discorreu a miña vida: Torbeo, Monforte, Santiago, Vigo... A protagonista críase nunha cidade pequena chamada Mosán, pero vese claramente que é Monforte. Na novela aparecen tamén algúns personaxes reais, pero de forma secundaria, como figurantes. Tanto a historia como os personaxes principais son inventados.

—O libro reflicte dalgún modo a súa experiencia como traballadora da sanidade?

—En certo modo si, porque na novela aparece un xeriátrico e para escribir esa parte baseeime un pouco na miña experiencia. Eu non traballei nun xeriátrico, pero si estiven moito tempo traballando en hospitalización, onde a media de idade dos pacientes era moi elevada. Interésame o mundo da xente maior, que está moi abandonada a pesar que pode seguir achegando moitas cousas á sociedade, e quixen que iso se reflectise no libro. Tamén estiven traballando moito tempo nunha librería e iso nótase na novela. Ao escribir o libro puxen moitas cousas da miña traxectoria vital e das miñas experiencias.

—Antes de publicar este libro tiña algunha relación co mundo da literatura, ademais de traballar nunha librería?

—Non, nunca tiven unha relación co mundo literario e intelectual, pero sempre me gustou escribir, para min é un pracer e unha necesidade. Nunca me atrevera a intentar publicar nada, pero acabei tomando esta decisión por un motivo que foi algo dramático.

—A que se debeu?

—Foi que hai pouco máis de dous nos me diagnosticaron un cancro de mama. Acabei por superalo, aínda que iso nunca desaparece de todo, e entón pensei ‘agora ou nunca'. É dicir, se puiden pasar por todo iso, como non me ía a atrever a intentar publicar un libro, a participar en presentacións públicas e todo o demais? Para min era algo moi delicado, porque supón mostrar en público os teus sentimentos e o teu mundo interior, pero esa experiencia dramática serviume para algo positivo, porque me animou a publicar esta novela. Ademais, para publicar un primeiro libro á miña idade tamén fai falta atreverse.

—Agora que xa está a obra publicada, que lle pareceu a experiencia?

—É como vivir un soño. Non esperaba unha reacción como a que estou vendo por parte da xente. A novela xa foi presentada na librería Librouro de Vigo e veu moita xente, moita máis da que esperaba. Estou moi contenta da experiencia, porque son como todo o mundo, unha persoa normal cun traballo como o que teñen moitas outras, e nunca vivín en ambientes intelectuais. Iso é o que quixen transmitir no libro, o feito de ser unha persoa normal.

—Vai presentar a novela en Ribas de Sil?

—O que me gustaría é presentala en Torbeo, porque é o meu lugar de nacemento. Querería que fose algo especial, con música, como un encontro entre amigos. Pero iso será algo máis adiante, máis ou menos a principios da primavera.