Carreira para nenos xunto ao Sil e ao pé das montañas do Courel: «Que comecen a sentir o espírito»

RIBAS DE SIL






























Douscentos estudantes dos colexios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel participaron este xoves nunha carreira organizada polo Quiroga Trail Challenge
03 abr 2025 . Actualizado a las 19:42 h.O territorio do Xeoparque Montañas do Courel é perfecta para os afeccionados ás carreiras extremas. Sábeno ben os habituais do Quiroga Trail Challenge (QTC), que todos os anos fai que máis de mil persoas corran por itinerarios de orografía imposible entre os concellos de Quiroga e Folgoso do Courel. Moitos dos participantes veñen do resto de Galicia e doutras comunidades autónomas, pero os organizadores queren difundir a cultura das carreiras de montaña tamén sobre o terreo, e tamén entre os máis pequenos. Esa é a razón que está detrás da mañá de carreiras que pasaron este xoves en San Clodio os estudantes dos tres colexios do xeoparque, os de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso.
A organización corría a cargo dos deportistas que tamén están detrás do Quiroga Trail Challenge, que contaron coa colaboración dos tres Concellos do xeoparque. Participaron ao redor de douscentos escolares do CEIP de Quiroga, o CEIP de San Clodio e o CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Seoane do Courel, que comenzaron a desembarcar un pouco antes das once e media da mañá na praia fluvial do Sil, en San Clodio.
Os organizadores prepararon un circuíto con diferentes variantes adaptadas ás diferentes idades dos participantes.
En nome da organización, Blas Rodríguez resumía así o obxectivo desta carreira para nenos: «Queremos promover este deporte nos máis pequenos e, ao mesmo tempo, que comecen a sentir o espírito QTC como algo seu, da súa terra».
Entre os espectadores que seguiron as diferentes probas nesta zona verde do municipio de Ribas de Sil estaban o alcalde deste Concello, Roberto Castro, e os de Quiroga e Folgoso do Courel, José Luis Rivera e Lola Castro.