O escritor presentou onte en Monforte a súa nova novela, inspirada libremente no crime de Sober
21 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Basilio Cobo, médico e antigo concelleiro de Sober, presentou onte en Monforte a súa novela Baubo Pubiclub, que vén sumarse a outras catro obras narrativas publicadas con anterioridade baixo o seudónimo de Básico Rodríguez. O libro inspírase no asasinato cometido no 2007 na aldea soberina do Couto, polo que foi xulgado e absolto o veciño José Carnero O Chucán, quen despois se autinculpou do crime.
-¿Que relación ten a novela cos sucesos de Sober?
-Quero deixar moi claro que se trata dunha novela, ou sexa, unha obra de ficción e non unha crónica xornalística. Haberá quen vexa certas coincidencias entre a novela e ese suceso, pero quen coñeza o caso notará que son moitas máis as «descoincidencias». Ademais, acabei de escribir a novela a principios do ano pasado, ou sexa, moito antes da autoinculpación de José Carnero. Así que loxicamente, o libro non pode ter ningunha relación coa parte máis recente deste caso. E por outro lado, a realidade sempre é moito máis complexa e máis rica do que pode reflectir calquera novela.
-¿Vostede coñecía ao protagonista real do suceso?
-Coñecino como veciño e trateino algunha vez como médico cando me tocou substituír a algún compañeiro, porque non dependía de min como paciente. Pero a historia dos personaxes da novela, o seu pasado, non ten nada que ver coa vida real das persoas implicadas neste suceso. Simplemente coñecín o caso pola prensa e serviume de punto de partida ou de inspiración para escribir unha historia totalmente inventada, que ademais non se sitúa exactamente na época actual, porque a acción da novela se desenvolve entre 1981 e 1987, un período do que tamén me interesaba falar por diferentes motivos.
-¿E cal foi a súa intención ao escribir esta historia?
-Quixen facer unha reflexión sobre a violencia e máis concretamente sobre a violencia contra os débiles. Trátase dun caso de violencia na campo galego, que eu enfoco desde un punto de vista diferente do que se aplica con moita frecuencia nestes casos. Cando se fala da violencia rural en Galicia téndese a presentar estes sucesos como arrebatos de paixón propios doutros tempos, como algo atávico, salvaxe, antigo, que non debería existir nunha sociedade moderna. O meu punto de vista é que as persoas que protagonizan estes sucesos non son diferentes das demais por vivir nunha aldea e que estes casos de violencia poden darse tanto no mundo rural de Galicia como nunha cidade alemá, por exemplo. A fin de contas, a historia que conto na meu libro non é tan diferente das que contan os escritores alemáns de novela negra.
basilio cobo autor de «baubo pubiclub»