Os nacionalistas critican a elección de Enrique Cerezo como pregoeiro da Feira do Viño de Amandi

La Voz

SOBER

11 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asemblea Nacionalista de Sober criticou a elección como pregoeiro da Feira do Viño de Amando do presidente do Atlético de Madrid, Enrique Cerezo, por considerar que non achega nada «ao viño, nin á feira, nin á cultura». Nun comunicado difundido no seu muro de Facebook, a formación di recoñecer certas melloras na organización da feira -como as actividades do Mes do Amandi-, pero por outro lado afirma que hai aspectos que «van a peor nesta edición».

Os nacionalistas critican por un lado a elección de Cerezo por non ter relación «coa viticultura nin coa Galicia» e pola súa traxectoria persoal. «Pasar de Carlos Núñez a un presidente dun club de fútbol de Madrid non cremos que sexa a mellor imaxe, máxime cando o presidente do Atlético de Madrid ten sido tibio coa peña violenta do Frente Atlético» e cando en torno del hai «sospeitas de relación con tramas de corrupción». A formación tamén considera desacertado que o Concello autorizase gravar un programa de TVG durante a feira, «que vai impedir seguro que a Banda de Sober poida facer completo o concerto de música rock con guitarra e baixo eléctrico».