#FeiraAmandi é a etiqueta que teñen que utilizar os que queiran participar no concurso para elixir a mellor autofoto da Feira do Viño de Amandi, que empeza hoxe
29 mar 2015 . Actualizado a las 16:52 h.#FeiraAmandi. Esta é a etiqueta que terán que utilizar os que queiran optar ao premio do concurso de selfies que organiza o Concello de Sober e que se celebrará esta fin de semana durante a Feira do Viño de Amandi. O autor da mellor foto gañará un lote de viño. De Amandi, evidentemente.
Esta é unha das novidades do certamen vinícola de Sober, que empezará oficialmente hoxe ás doce do mediodía. A esa hora, representantes da adega Malcavada farán a inauguración oficial, como homenaxe ao seu fundador, Antonio Vázquez, que faleceu o ano pasado. A partir dese momento, entrará no concurso calquera autofoto que se faga no concello de Sober, teña que ver coa temática do certame e se publique no Facebook ou no Twitter co hashtag #FeiraAmandi, sempre que se manteña polo menos durante o sábado e o domingo.
O premio para o gañador, que loxicamente ten que aparecer na fotografía, é un lote de botellas de viño de cada unha das 22 adegas que participan con posto propio na edición deste ano da feira, que fai o número 35. Todas as imaxes que se etiqueten serán publicadas nas contas que o Concello de Sober ten no Facebook e no Twitter.
Dentro da campaña de promoción da Feira de Amandi nas redes sociais, o Concello de Sober levou a cabo ademais durante as últimas dúas semanas un sorteo dun lote de produtos de Amandi na súa páxina no Facebook. Os repsonsables municipais darán a coñecer despois desta fin de semana identidade dos premiados neste sorteo e máis no concurso de selfies.