Amandi de Sober irmandarase con Amandi de Asturias

SOBER

O nome da parroquia soberina nun cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi, na edición do 2009
O nome da parroquia soberina nun cartel anunciador da Feira do Viño de Amandi, na edición do 2009 ALBERTO LÓPEZ

O Concello mantivo contactos co municipio asturiano de Villaviciosa coa fin de celebrar un intercambio cultural baseado na coincidencia do nome entre ambas parroquias

03 abr 2019 . Actualizado a las 12:32 h.

O Concello de Sober mantivo os primeiros contactos co goberno municipal de Villaviciosa, en Asturias, a fin de promover un irmandamento baseado na existencia de dúas parroquias homónimas en ambos municipios. Ao igual que en Sober, en Villaviciosa hai unha parroquia denominada Amandi. No primeiro caso, o nome completo da localidade é Santa María de Amandi e no segundo, San Juan de Amandi. «A parroquia de Sober sobresae por ser unha das principais produtoras de viño da localidade, mentres que a asturiana é coñecida por ser produtora de sidra», sinalan a este respecto os responsables municipais.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, contactou co seu homólogo de Villaviciosa, Alejandro Vega, e sinala que por parte de ambos concellos hai interese por levar a cabo un intercambio cultural que podería culminar nun irmandamento oficial. «De momento non hai nada decidido nin se marcou unha data concreta, pero dun lado e do outro hai unha firme intención de levar a cabo un encontro ao longo deste mesmo ano», explica o rexedor. Pero para chegar a un acordo nese sentido , engade, haberá que esperar a que pasen as eleccións municipais. En todo caso, di tamén o alcalde, «a iniciativa pretende contribuír na promoción do viño e da sidra, os principais reclamos destes territorios».

Fernández Guitián di por outro lado que o delegado territorial -equivalente a pedáneo- da parroquia asturiana de Amandi se mostrou especialmente interesado na iniciativa. «Haberá que estudar aínda o que se pode facer, pero penso que os actos poderían incluír un encontro entre adegueiros e viticultores de Amandi e produtores de sidra da parroquia asturiana», apunta o rexedor.

Desde o Concello recordan por outro lado que a parroquia de Amandi dá o seu nome a unha das subzonas da denominación de orixe Ribeira Sacra e á feira do viño máis antiga das que se celebran neste territorio. O goberno municipal de Sober recordou por outro lado que no 2014 o Concello promovera outro irmandamento, neste caso co grupo de rock madrileño Sôber, baseado na coincidencia entre o nome do municipio e o da banda.