
O portavos local dos socialistas, Roi RiGueira, describe as obras que levará a cabo o Concello con eses cartos
25 feb 2022 . Actualizado a las 16:49 h.O PSOE de Taboada destaca que este municipio recibirá nos próximos meses 330.000 euros procedentes da Deputacion de Lugo para mellorar camiños e accesos municipais e crear cinco postos de traballo. O voceiro local desta formación política, Roi Rigueira, sostén que “este investimento contribuirá a mellorar as infraestruturas viarias municipais, realizar obras en diversas instalacións públicas e deportivas, así como incentivar a creación de emprego". E no eido dos servicios sociais, sinala este concelleiro, "permitirá reforzar o sistema de axuda no domicilio e contratar persoal para atender a demanda existente”.
A maior parte destes fondos chegarán ao Concello de Taboada con cargo ao denominado Plan Único, un programa de investimentos financiado pola Deputación e ao que cada ano teñen acceso todos os concellos da provincia. Os socialistas de Taboada explican que con cargos a estes fondos faranse este ano as pavimentacións dos accesos aos lugares de Fontefría, O Curro, a igrexa de San Pedro de Bembibre, A Seara, Valboa, Quinzán e Montecelos, ademáis da Rúa Nova de Taboada. Ademáis, vai haber obras de afirmado e pavimentación de accesos en dous tramos en San Martiño de Couto, noutros dous tramos en Maxal, na Facha e en Sonán. O plan inclúe tamén melloras no acceso a ribeiras de Sobrecedo, en concreto na zona de Valdomende, e no das ribeiras en Mourulle e na zona do clube náutico.
Neste Plan Único para Taboada están previstas tamén actuacións en instalacións deportivas, como os vestiarios do campo de fútbol da Medela-Xosé Anxo Varela "Canti", en na cuberta no pavillón municipal de Deportes.
En canto aos servizos sociais, o Concello de Taboada recibirá destes fondos algo máis de 24.000 euros na contratación de persoal para o servizo de axuda ao fogar.
A creación de postos de traballo que anuncia o PSOE virá a través do programa de Fomento de Emprego da Deputación, que, según explica Roi Rigueira, “permitirá contratar a tres peóns a xornada completa durante 6 meses, e tamén a dous oficiais a xornada completa durante 6 meses”.
O Concello de Taboada está gobernado polo Partido Popular con maioría absoluta. Na súa corporación hai seis concelleiros do PP e cinco do PSOE.