A Queima das Fachas de Taboada aparece nun libro sobre festas tradicionais do lume de nove países

TABOADA

Un aspecto da Queima das Fachas, festa tradicional da parroquia de Castelo, no municipio de Taboada
Un aspecto da Queima das Fachas, festa tradicional da parroquia de Castelo, no municipio de Taboada ROI FERNANDEZ

O tradicional festexo da parroquia de Castelo é divulgado na publicación xunto con outros 26

21 feb 2025 . Actualizado a las 12:05 h.

A Queima das Fachas de Castelo —no municipio de Taboada— figura nun libro sobre as festas tradicionais con lume de nove países que acaba de ser editado na Comunidade Valenciana. A obra contén traballos sobre un total de 27 festexos celebrados en diferentes comunidades españolas, así como en Xapón, Italia, Suíza, Grecia, Alemaña, Estados Unidos, India e Reino Unido.

O libro, que leva por título Foc, foi publicado en valenciano pola asociación cultural Falla Penya El Mocador, do municipio de Sagunto, na provincia de Valencia. O capítulo dedicado á festa de Taboada está asinado polo antropólogo Xavier Viana Álvarez e por Manuel Fidalgo Gayoso, presidente da asociación cultural As Fachas, que organiza este festexo tradicional. «O propósito desta publicación é identificar diferentes festas con lume de todo o mundo e as posibles relacións que poidan ter as fallas con estas outras festas, explorando a evolución que das festas do lume e a importancia que teñen aínda para as comunidades locais que as executan», explican desde a referida entidade.

Outros festexos que figuran nesta publicación son El Vítor de Mayorga —en Valladolid—, Los Escobazos de Jarandilla de la Vega —Cáceres—, Las Candelas de Zalamea la Real —Huelva— e Los Rondeles de Casarabonela, en Málaga. Todas estas localidades forman parte da futura Asociación Nacional de Fiestas con Fuego, na que tamén participará a la parroquia de Castelo.

A asociación As Fachas considera que esta publicación «é un recoñecemento máis» ao labor que desenvolve para manter vivo este festexo, que se celebra cada 7 de setembro, coincidindo coa festividade local de Santa María. Desde a entidade apuntan ademais que «a presenza da Queima das Fachas en eventos fóra de Galicia é unha constante desde hai unha década, como o proba a participación dos veciños de Castelo tanto en diferentes encontros estatais da festas tradicionais con lume como noutros eventos de divulgación cultural».