
No 2013 publicou o libro «Rimas, lendas e raíces»
05 jun 2025 . Actualizado a las 13:24 h.O antigo xuiz de paz, profesor e escritor taboadés Sócrates Rigueira Ramos faleceu este mércores aos 99 anos de idade. Viúvo da profesora Luz Muinelo Prieto —falecida no 2015—, fundou e rexentou xunto coa súa esposa a academia Muinelo, na que se formaron varias xeracións de veciños de Taboada entre 1951 e 1976. Rigueira, unha das persoas máis coñecidas e apreciadas do municipio, tamén exerceu como xuíz de paz durante 46 anos, os doce primeiros como substituto e os 34 restantes como titular. Por petición propia deixou este cargo no 2016, aos 90 anos de idade, e foi reemprazado polo historiador Juan Manuel Sobrado. Durante un tempo tamén traballou como practicante.
Por outro lado, Sócrates Rigueira escribiu varios libros, entre eles Rimas, lendas e raíces, publicado no 2013 pola editorial Hércules. A presentación desta obra congregou a numerosas persoas en agosto dese ano no centro sociocultural de Taboada. Así mesmo, publicou en internet —nos primeiros tempos deste medio de comunicación— varios traballos sobre contos e tradicións populares.
A capela ardente de Rigueira está instalada ata as dez da noite deste mércores no tanatorio da funeraria Leandro. A incineración terá lugar na intimidade familiar. Os seus parentes piden que non se envíen flores. Sócrates Rigueira deixa dúas fillas, un xenro, un irmán e dúas cuñadas, ademais doutros familiares.