N.FRANCOS A ENTREVISTA Benxamín Casal Vila, ex-parlamentario autonómico pola provincia de Lugo O Éstatuto de Autonomía de Galicia cumple vinte anos. Un dos seus redactores foi o ex-parlamentario Benxamín Casal Vila que onte falou do tema para os alumnos do instituto Anxel Fole, nun acto promovido polo departamento de Filosofía do centro. Considera que co paso dos anos foi aumentando a conciencia de país entre os galegos e lembra que os inicios do Estatuto foron complicados pola falta de apoios
20 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Casal viviu os inicios autonómicos con interese por facer as cousas da mellor maneira para Galicia. Diso falou onte ante uns mozos que nin naceran cando se aprobou o Estatuto. -¿Cal foi a súa participación na elaboración do histórico documento? -Tiven o privilexio de formar parte da primeira Xunta preautonómica. Fun conselleiro dela e nese momento xa tiven unha certa participación na redacción e na posta en marcha da propia Xunta. Na primeira lexislatura fun tamén deputado do Parlamento e, polo tanto, tratei de poñer o meu grao de area en formar os primeiros alicerces da autonomía. -Foi difícl poñer a andar a autonomía. -Pois penso que si. Como ben se sabe, os vascos e os cataláns tiraban forte polos estatutos, porque tiñan máis conciencia da sua propia identidade. Tiveran gobernos propios na Republica. Ramón Piñeiro dicía que mentres Cataluña e Euskadi querían o estatuto para afinazar a súa conciencia, nós o necesitábamos para facer conciencia de país. Cando empezou, poucos críamos nel. -¿É bo o estatuto galego? -Creo que é un instrumento válido para cando foi creado, válido para a convivenvia. Debe actualizarse ó momento e ó país que se vive hoxe. Non é permanente e para sempre. -¿Que diferencias atopa da Galicia de hai 20 anos coa de hoxe? -En 1981 parecía que falábamos de cousas que eran utopías e hoxe son normais. Antes era difícil falar de nacionalidade histórica. A UCD e o PSOE quería deixar a Galicia no vagón das autonomías e fóra do sistema de Cataluña e Euskadi.