XESÚS FRAGA A ENTREVISTA Xerardo Quintiá, escritor lugués que acaba de editar «Un rabaño de ovellas brancas» Os escritor lugués Xerardo Quintiá vén de publicar un novo libro. Está en Galaxia, na Colección Literaria, e leva por título «Un rabaño de ovellas brancas». No volume, Quintiá amosa os cambios que nos últimos anos sufriu o mundo rural e como marcaron a forma de aprendizaxe dos mozos galegos. A súa literatura está apegada ó desarraigo, xa que considera que é necesario para a creatividade, a maxia e a liberdade.
07 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.-Os seus textos parecen empregar un punto de vista dalguén diferente, marxinal. -Si, en varios dos relatos, como La reina del baile e en A gravata vermella con vacas suizas pintadas, existe un punto de vista marxinal. Permíteme unha mellor perspectiva para contar, máis libre e con menos prexuizos. Por exemplo en A gravata vermella con vacas suizas pintadas, narro a fascinación que se pode sentir ante a beleza dunha muller, pero fágoo dende o punto de vista de Toñito, un subnormal; cousa que me permite expoñer esa fascinación dun xeito primitivo, visceral, puro e carente de condicionantes sociais. -¿É a perda da inocencia un tema que lle interesa? -Á hora de escribir intéresame todo aquelo que perdín ou todo aquelo que non podo ter. As perdas en si mesmas producen desarraigo e, a perda da inocencia, é o primeiro desarraigo ó que nos enfrontamos. Coido que unha literatura sen desarraigo sería coma un San Froilán sen casetas ou coma un Woody Allen sen lentes e sen traumas. Se non hai desarraigo o acto de crear perde todo asomo de maxia e de liberdade. -¿Narras un mundo que está a piques de desaparecer, como é o rural? -En Un rabaño de ovellas brancas escribo sobre un mundo rural que xa desapareceu, ou do que xa queda moi pouco. O mundo rural de antes, cando íamos coas vacas, os pícaros levabamos un pao de albelo que nos servía de Winchester para poder imitar as películas do oeste; agora levan unha Game Boy. En moitos casos, hoxe en día, os mundos desaparecen a máis velocidade do que a xente o pode asimilar.