Xosé Lois García vive na emigración desde que tiña vinte anos. Na actualidade ocupa o cargo de director do arquivo histórico municipal de Sant Andreu de la Barca, un municipio da periferia de Barcelona, pero nunca perdeu o contacto coa terra natal e a súa cultura. «Sigo falando galego e o meu país é este», afirma con convicción. A súa intensa actividade como escritor, traductor e conferenciante ten un dos seus eixos no mundo da lingua lusitana. É membro de honra da Unión de Escritores Angolanos e en Portugal é considerado como o primeiro intelectual do Estado español que acometeu o estudio e a divulgación das culturas africanas de expresión portuguesa, pero non lle dá moita importancia. «Non me preocupa ser o primeiro ou o último», comenta.