O ex rector considera que o agro galego foi eficiente durante séculos porque conseguiu alimentar a unha poboación moi abundante
11 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O período comprendido entre finais do século XIX e a metade do XX foi «a época dourada do campo en Galicia», segundo o criterio do catedrático de historia e ex rector da Universidade de Santiago, Ramón Villares Paz, que participou en Lugo na décima Semana Galega de Historia. A partir dos anos 60 do século pasado comenzou a mecanización e abandono do agro, sen que se fixese una adecuada ordenación forestal das terras que quedaron sen cultivar. -¿Cal foi o momento máis importante da evolución do campo? -Conseguir a propiedade da terra foi un éxito histórico do campesinado, no que primeiro mandaron os mosteiros e despois os fidalgos. Tras miles de acordos entre campesinos e señores, produciuse un cambio fundamental e os primeiros deixaron de pagar rentas. Foi un cambio brutal que en parte levou tamén a penitencia, que foi o desarbolamento da agricultura tradicional. -¿Os cambios foron suficientes? -Pódese dicir que a agricultura galega foi eficiente durante séculos, porque foi capaz de alimentar a unha poboación cunha alta densidade demográfica, aínda hoxe maior cá da media estatal. -¿Causaron problemas? -Os campesinos demostraron unha gran capacidade para modernizarse, proceso que foi moi rápido. Moita xente naceu co sacho e co carro e tivo que pasar ó tractor sen pisar unha escola de capacitación. -¿Cal é o maior reto pendente de solucionar? -A agricultura hoxe non precisa tanto espacio, polo que é necesario humanizar e ordenar esas terras que quedan sen utilizar.