NA HISTORIA de Galicia é un tópico referirse á histoira de Monte Medulio. En realidade, máis que parte da historia de Galicia é parte do acervo simbólico sentimental do galeguismo. É algo épico, erguéndose, para algúns, en mito fundacional da Nación, principio informador, ou inspirador, da actuación política e social do nacionalismo galego (denantes mortos que escravos). Lembrémo-la historia: en Monte Medulio os celtas galegos preferiron o suicidio a seren sometidos por Roma. E dicimos que se soergue en principio informador da actuación do galeguismo político dado que, algúns, aínda hoxe, coidan máis patriótico, chegado o caso, o suicidio cá derrota, sen ser conscientes de que esta é sempre provisoria, entrementres que aquel (o suicidio), de seu resulta irreversible. Nosoutros coidamos, pola contra, que o nacionalismo galego debería fixarse noutros feitos, non menos épicos por certo, da historia da vella Gallaecia . Referímonos á historia do río Limia. Disque no ano 616 despois da fundación de Roma (ou 137 antes de Cristo) chegou ó río Limia o procónsul Decimus Junius Brutus. Canda el viñan as súas tropas, moi supersticiosas elas, ata o punto de que coidaban que aquel río era o Lethes, famoso na mitoloxía grega, que servía de alfándega entre o mundo dos vivos e o dos mortos, sendo o caso que cando un mortal daba en cruzalo esquecía por sempre o nome, a patria, os amigos..., tal era o prezo por cruzar ese río. Estes soldados de Roma, aquelados guerreiros, esgrevios patriotas latinos, heroes curtidos nun milleiro de batallas que contaban por victorias, non se atrevían a cruza-lo río Limia, pois coidaban que era o Lethes (o río do esquecemento ou flumen oblivionis ). Temían deixar de ser canto ata daquela foran, temían, en fin, perde-la súa alma. Era mágoa, porque aqueles valentes heroes non eran quen de cumpri-lo seu destino, por mor de medos sen sentido. Daquela, o procónsul Décimo Xuño Bruto cruzou o río, e dende a outra ribeira escomenzou a chamar, un por un, a tódolos seus soldados, lembrándolles o nome e a filiación, a patria e mailas orixes. Foi así como aquel grande home, alcumado dende aquela o galego , (Decimus Junius Brutus Callaicus), convenceu ós seus homes para cruzar o río Limia e cumpriren así co seu destino:conquerir aquelas novas terras, ás qeu deron por noma Callaecia (máis tarde Gallaecia). Tanto ten que na vindeira Asamblea Nacioanl do BNG gañe Camilo Nogueira ou Anxo Quintana (aínda que os autores teñan a súa preferencia, non necesariamente coincidente; ou si, como diría Rajoy). E tanto ten un coma outro poque ámbolos dous saberán facer coma o procónsul Décimo Xuño Bruto Galego . Por iso o realmente importante é aquilo sen o que o devandito procónsul endexamais sería coñecido coma o galego : que os valentes homes que o acompañaban foron quen de supera-las supersticións e deron en cruzar o río Limia, deixaban de ser o que sempre foran, non vendían nin perdían a súa alma, non esquecían o idioma nin a patria, o nome nin a familia; custoulles, pois tiñan medo, máis cruzaron, e venceron, pasando á Historia e cambiando para sempre a face desta fisterra á que eles deron forma e nome, chamándoa, xa para sempre, Gallaecia (en galego antigo) ou Galicia (neste latín serodio do século XXI). Non podemos os galegos de nación seguir o ronsel de Monte Medulio, pois aí non hai outra cousa que medo ó futuro, pánico diante do inevitable, fuxindo da realidade no canto de afrontala. Cómpre, ben pola contra, seguir o exemplo do procónsul Brutus Callaicus e -sobre todo- dos seus esgrevios patriotas romanos, pois de nada serviría o xesto do procónsul se a tropa de a pé non soubera vencer os medos atávicos: tan ridículo é avergoñarse de pisar lama como patético resulta non saber (ou non querer) pisar moqueta. En fin, de Monte Medulio non queda máis que unha moi remota lembranza (¿en verdade existiu?, ¿u-lo estaba?, ¿eran celtas?...). Pola contra, do procónsul e os seus homes fica todo, principiando polo nome do país e seguindo pola língua que aínda falamos. Con eles entramos na Historia.