O último samurai

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

19 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ANTES DE lles prohibiren a costume de levar espadas, os samurais eran os gardas do sistema feudal do Imperio do sol nacente, por certo outra formidable película; esta de Spielberg. Hogano andamos tan escasos de valores éticos que cómpre recordar que non sempre foi así. Dito doutro xeito, nos tempos onde a coraxe tampouco faltaba existía a lealdade, honor e veracidade que convivían co espírito de loita. Non nos enganemos, sería marabilloso crear un mundo idílico onde non houbera exércitos nin guerras. Pero miremos, por favor, a historia. Logo, polo menos, que cando as haxa se respecten certos códigos e tratados como o de Xenebra. Reparen no papel do fotógrafo que aparece neste filme de Edward Zwick. A Couso habíalle gustar. En fin, descálcense antes de entrar, escoiten a banda sonora, mediten e déixense transportar polo espírito do Bushido. Comprobarán como neste filme hai abundante aporte vitamínico e carece dos anabolizantes doutros coma O Señor dos Aneis ou Matrix. De paso, reparen na vestimenta e na fotografía. Analicen a personaxe que interpreta Tom Cruise e a do último samurai baixo os cereixos floridos.