A arca de millo de Xaquín Lorenzo

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

14 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

RECOMENDABLE é ler sen présa a Xaquín Lorenzo, homenaxeado no día das Letras Galegas. A labor etnográfica deste escritor é unha arca chea de millo do pasado. Léndoo pódese comprobar axiña como a varanda ou sequeiro onde seca o millo, ao que «Xocas» fai referencia en A Terra está baixa demais. É dicir, que aos galegos moitos «espantapaxaros» nos puxeron diante para taparnos o centeo espigado. Por iso, tantas veces chegou tarde Galicia á seitura, perdendo non poucas colleitas. Ás veces incluso fomos nós mesmos quen prendemos lume ós medeiros feitos. En O Carro, Os Oficios ou A Terra , por nomear só algúns, descubrimos unha cultura, a recuperación dun xeito de vivir do galego e mesmo da súa Lingua. Porque foi no eido rural onde se transmitiu ao quedares antano reducida socialmente. Foi aí onde dun gran nacería outro e dunha palabra saían as verbas. En definitiva, onde se tiraba do arado para facer sucos na terra e falábase da rabiza , a chavella, ou da rella que forxaba o ferreiro. A Galicia das rúas, dos camiños e curripas segue viva sen que se escoite xa o renxer dos carros. Pero o camiño hai que andalo, con motela ou sen ela.