Emilia e 16 vagóns

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

05 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DA IMPORTANCIA do ferrocarril para o desenvolvemento dun territorio era determinante en 1906 e segue a selo igual cen anos despois. ¿Para cando o AVE? Dezaseis vagóns ateigados ata arriba trouxeron a Lugo un milleiro de excursionistas da Coruña cando o século XX levaba consumidos case os seus seis primeiros anos. O motivo: as feiras e festas do San Froilán. Xavier Serrano Alonso cóntao nun libro que dá comezo á serie San Froilán dos devanceiros que con este inicia o Concello de Lugo. Se esa aperta das cidades de Lugo e A Coruña supuxo xa de por si todo un acontecemento, do que se alegra pero laian os de Viveiro -verán no libro por qué-, non menos importante foi a estadía entón de Emilia Pardo Bazán. Contou na presentación o autor que a axenda da escritora nos «tres días e tres noites» que estivo foi inclemente para co descanso. Tendo en conta que xa só a viaxe da Coruña a Lugo obrigaba a un traxecto de máis de cinco horas. A novelista deu unha conferencia defendendo a música de Wagner no Teatro Circo. Logo de recoñecerlle á cidade o seu avoengo e paisaxe poética, afirmou que como outras cidades, «Lugo sacudirá la modorra secular».