Milladoiro, facendo país

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

18 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

«SE NON o facemos, polo menos contribuímos a non desfacer o que herdamos». Estas foron as palabras do grupo Milladoiro ao recoller o terceiro Ramón Piñeiro. Por «Facer País», como acuñaron as asociacións da comarca de Sarria. Dixo Benxamín Casal que o engadido, é dicir, o lema que arrancou Piñeiro do mesmo chan onde se ergue a Ponte de Carracedo, era moi atinado. «Porque fai falta e foi o que sempre fixo el», referíndose ao galeguista da Armea. Aínda pingaban as follas dos carballos cando Víctor Freixanes subiu ao palco. Contundente, díxolles aos músicos premiados: «Grazas por estares aí, pola vosa coherencia, por seguir sendo a vangarda e polo voso talento». Grazas. Xa de xeito metafórico, logo de falar do triste outono e duro inverno, agasallounos con ese: «Vós sodes a nosa primavera». Miraba cara aos Milladoiro, pero sen agochar que enfronte tiña a Susana Seivane, a gaiteira que tralo xantar interpretaría unhas pezas canda os homenaxeados. «Xa non podemos falar, como antano, de príncipes da gaita; agora temos ás mellores gaiteiras do mundo», sinalou o escritor. E con esas e algúns aturuxos, suxeitamos as nubes no val de Láncara.