Mereceu a pena

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

13 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

REMATANDO o Festival de Música, atrás quedan excelentes interpretacións e outras non tan destacadas pero interesantes. Significativo é a súa existencia. A mágoa, debe ser dito, é que por regra xeral asistiran aos diversos concertos tan pouca mocidade. Ben é certo, en cambio, que efectivamente cando a Semana do Corpus ofreceu expectativas de calidade si serviu de reclamo turístico. Quen escribe pode dar testemuña dalgúns achegados dende Ourense e A Coruña exclusivamente por escoitar, entre outros, á mezzo Genaux, ao dúo formado por Magouët e Domènech ou tamén ao sopranista Waschinski, que malia algunhas carencias, si agradou ao público -que soubo premiar con fortes aplausos a dificultade á que se enfronta aquel-, sobre todo coa interpretación de dúas arias da ópera Idaspe, de Broschi. Aínda no recordo a magnífica actuación da Real Filharmonía e mais do barítono Martin Hilz, interpretando a Mahler, tralo cuarteto de clarinetes de mañá, quédalles inda aos afeccionados outro agasallo: A Resurrección, de Haendel. Será o sábado a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia. Interesante. En definitiva, pódese facer distinto pero mereceu a pena.