Amor entre vaqueiros

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

24 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TEÑO para min que a película de Ang Lee, Broukeback Moutain , causará máis dunha sorpresa nalgúns dos espectadores que se acheguen a vela. Proxéctase nos cines Yelmo. Non o digo por dicir, veño de comprobar que nos tempos en que estamos aínda hai quen segue a sorprenderse de que entre dous homes (ou dúas mulleres) poida nacer e xermolar unha fermosa historia de amor. Incrible. Unha relación, si, como a que desenvolven Ennis del Mar (Heath Ledger) e Jack Twist (Jake Gyllenhaal) nunha ben fermosa paisaxe estadounidense. Engádase unha banda sonora excelente. Debo dicir tamén que as montañas nevadas, o transcorrer das augas por onde rompen aquelas e mesmo a presenza das ovellas no monte ben poderían ser escenas rodadas en calquera recuncho do Caurel ou dos Ancares. Cineastas e boa cinematografía temos. Non resta que o filme en cuestión -duro e reflexivo- estea baseado nun relato que Annie Proulx publicara nun xornal. Precisamente ela vén de manifestar que co gallo da película pensou que se abriría aló un debate sobre a diversidade e os dereitos humanos, xa que nalgúns estados do rural norteamericano «a homosexualidade segue a ser considerada como un mal». A mesma, gañadora do premio Pulitzer, aclara, que a situación nos EE. UU. é radicalmente distinta dependendo do lugar. para os espectadores, lembremos que a historia do relato que dá pé á película transcorre no ano 1963 e nun estado tan conservador como o de Wyoming. Dito o cal, resulta obrigado preguntar se esa reflexión é transportable ao rural galego. Sen dúbida que si. A homosexualidade non se vive igual na cidade ca no rural, onde moitos homes e mulleres víronse e seguen a verse obrigados a manter unhas relacións como as que se recollen na cinta que con atino dirixe Ang Lee.