NO OUTEIRO | O |
09 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SON parte da natureza e cumpren cunha función, a súa. Como por outra parte facemos todos os seres vivos que habitamos o planeta. Pero ás veces resulta que tantas e tantos xuntos acaban amolando. Sobre todo nas cidades. E aí vai: ¿por que aos estorniños e pombas lles gustará concentrarse arredor do cemento? Talvez débase a que anden na procura da xente ou que só busquen a comida, xa que alí onde nós estamos teñen alimento asegurado. Miren, se tiveron onte ocasión de ler a información que ofrecía G. Souto para este xornal, lembrarán que des que o Concello axeitou dese futuro paseo interior da Muralla a parte entre Nóreas e o aparcadoiro Ánxel Fole, desapareceron os gatos. Si, pois ao parecer aquilo só era un vertedoiro de lixo. Así que niso se achará algunha explicación para este asunto que nos ocupa, cal é o da maior presenza de animais e aves nas urbes. Claro que tamén eles poderían preguntarnos polo noso interese en concentrármonos uns a cabalo doutros, non si? E se falamos de ensuciar..., miremos como queda o chan logo de tomar unhas cañas, ver unha simple película de cine ou brindar na festa da Carballeira. Iso é, como sempre hai quen o limpe... ¡A ver se vai ser iso o que pensen as pombas e estorniños! E por insinualo inda me ha pór fociños unha amiga, que a pobre xa non sabe como dicirlles no Concello que as pombas non liscaron e que seguen a emporcarlle toda a terraza. Non é leria, non, nin para ela nin para os responsables municipais, que teñen preocupación, derivan unha parte dos orzamentos públicos e non se lles ha negar nesta ocasión o empeño, pero... As aves continúan facendo das súas, inda que ao mellor non coma antano, si. Agora ben, non é moito consolo saber que visto que non se pode con elas, desexémoslles que marchen axiña.