«Escribo para satisfacerme a min»

Carlos Vázquez LUGO

LUGO

ÓSCAR CELA

Protagonista | Baldomero Iglesias, Mero

22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Non hai como furgar no interior dun para ouvir «as pingueiras nas pucharcas» e deixar que, deseguido, xermolen as preguntas: «E un día pregunteime/... quen son eu?». Unha pregunta como esta aniña nalgures de nós nalgún intre pero é Baldomero Iglesias, é dicir, Mero, quen lle pon verso ao xeito de Lorenzo Varela, como subliña Neira Vilas no prólogo desta «poeira de luz», un poemario sinxelo pero sentido e ben aderezado coas fotos de Carlos Rodríguez. Un libro, este, que vén de ser presentado pola Fundación Manuel María en Sargadelos. Mero é o de Na lonxitude do tempo ; tamén, quen sen Mini non sería o de Fuxan os Ventos ou A Quenlla. En definitiva, un poeta, que amais canta. De poeta ceibe definiuno David Otero, quen xunto a Xulio Xiz, Xesús Mato, no ar Mini e o propio autor presentaron este Recendos de luz e de sombra . Son seis ducias de poemas (máis un), como fai de subtítulo, que se lle habemos facer caso ao autor é o froito dunha «satisfacción propia». Lonxe do que el mesmo cualificou como «egoísta», o poemario é un regueiro de sentimentos nados a partires do Eu máis del, o das preguntas e confesións máis íntimas: «Un segredo gardo/en min, no máis fondo./...que me cura todo». O Nós é onde están os amigos pero sobre todo a súa mai «que abre os postigos en cada amencer á vida»; esa mai que «agora xa non teño», salouca. Mergúllase máis adiante na louvanza da Terra, a Maiterra, e di: «Quen me dera ter nacido onde nacín/...horizontes/que mesturan alma e terra en ceos grises». E inda outro pouco máis, no apartado Patria, onde vivo o seu soño, láiase do que «puidera ser Galicia». Non obstante, é no Sentimento, razón da miña vida, cando regresan as preguntas: «¿Que é a vida sen aloumiños?». Se cadra para iso, aqueloutra súa idea e para case todo, como escribe Mero noutro dos apartados, «cómpre mirar ao lonxe/e cómpre mirar ao preto» para «sabermos/ quen de verdade somos». Ao termo aí rebule ese humanismo do autor.