EN FEMININO | O |
10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CHEGA o bo tempo e as gañas de desfrutar das xornadas no campo e na praia sen horario establecido, sen mirar o reloxo e gozando das longas horas mirando a montaña ou o mar. A semana pasada, nunha desas viaxes que se convirten en entremés do que logo é o verán achegueime á Foz para tomar o primeiro contacto da época estival, co mar, con ese azul intenso que nos fai cómplices das horas felices de sol e dos aromas profundos das augas. Precisamente por ese mar foi polo que se di que chegaron os celtas, que deixaron pegadas a través dos castros e de tesouros coma o torques de Marzán que garda o Museo Provincial; logo os fenicios, os ártabros e os romanos. Con preto de 25 quilómetros de costa, Foz conta cun bo número de praias de augas cristalinas, varias merecedoras de Bandeira Azul, o que supón un elemento engadido para elixir este lugar. Un inconvinte: o tempo, que fai que moitos fuxamos no verán a destinos máis cálidos, pois xa se sabe a Mariña posúe unha beleza singular, envexada por outros territorios, pero a néboa coa que amence nos días de xullo, a chuvia que ameaza as tardes de agosto, fan que as expectativas se frustren. A preferida pola grande maioría é a praia de A Rapadoira, situada no centro da vila e dotada de todos os servizos, ademais de permitir a recreación do paseante a través dun percorrido que rodea todo o litoral ata Llas, nunha zona con dobre encanto polos acantilados, que convidan ao deleite nun espectáculo en vivo ao ver como as ondas rompen con forza sobrehumana contra as rochas. Se seguimos o camiño máis alá o explorador de tales paraxes atópase coas praias de Peizás e da Pampillosa, nun lugar que permite coñecer outros atractivos, como a gastronomía ou o patrimonio a través de vestixios como o castro de Fazouro, que comunica coa praia de Arealonga, un exemplo dos castros marítimos de Galicia.