Reserva da biosfera, sen présa

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO

En directo | Formas de protección do medio ambiente O Concello do Courel non ten previsto solicitar polo momento a figura legal amparada pola Unesco que lle acaba de ser concedida á Serra dos Ancares

17 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? Concello do Courel non ten previsto polo momento solicitar a declaración desta serra como reserva da biosfera da Unesco, unha categoría que lle acaba de ser outorgada á veciña Serra dos Ancares, pero non descarta facelo no futuro. «Por agora estamos pendentes da creación dun parque natural nesta zona e creo que non debemos adiantar acontecementos», opina a este respecto o alcalde, José López Fontal. Non obstante, o rexedor cre que «todas as figuras de protección que teña Os Ancares tamén as debería ter O Courel, aínda que agora vaiamos por separado na cuestión do parque natural». O goberno local, por tanto, non ten intención de facer movementos neste sentido ata que remate o proceso de creación do parque natural. E en todo caso, puntualiza López Fontal, «todas as iniciativas que se fagan neste terreo haberá que consensualas primeiro cos veciños, porque eles serán os afectados máis directos e porque se O Courel conservou ata hoxe os seus valores naturais e tradicionais foi grazas á xente que vive aquí». O biólogo Javier Guitián Rivera, principal responsable do proxecto da estación biolóxica do Courel, tampouco considera moi urxente a creación dunha reserva da biosfera na serra. «En principio sería unha boa cousa, pero unha declaración dese tipo non significa necesariamente que vaia mellorar a protección dos valores ambientais e dos usos tradicionais da zona», comenta. A este respecto, Guitián contrapón diversos casos de reservas da biosfera creadas en tempos recentes: «Na zona de Somiedo, en Asturias, e noutras partes da área cantábrica, si se están tomando medidas efectivas, pero na reserva da biosfera de Terras do Miño, que eu saiba, non se está facendo absolutamente nada para protexer a biodiversidade e os usos tradicionais, non se toma ningunha medida especial de conservación». En opinión do biólogo, a creación dun parque natural pode ser máis eficaz para a protección da Serra do Courel que unha reserva da biosfera. Peticións a favor A asociación ecoloxista SOS Courel xa solicitou publicamente en días pasados que a serra fose declarada reserva da biosfera, inmediatamente despois de que se anunciase a concesión desta categoría á zona dos Ancares. Esta petición ten un precedente nunha proposta que formulou xa hai seis anos o biólogo monfortino Esteban Sinde Stompel, quen suxeriu a posibilidade de protexer a Serra do Courel cunha figura deste tipo nun estudo que presentou na universidade alemá de Göttingen e que despois deu a coñecer en Galicia. Ao seu xuízo, esta figura legal ten un especial interese para a zona, xa que fomenta a preservación das actividades económicas de base tradicional.