NO OUTEIRO | O |
30 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.É UN CRASO erro pensar que Francisco Cacharro foi o gañador moral das eleccións municipais. A razón é simple. A ninguén máis ca el lle houbera gustado encabezar a lista do Partido Popular e seguir na poltrona outros catro anos máis. Durante máis de dúas décadas, onde tamén houbo acertos, Cacharro cultivou grandes amizades anque tamén importantes inimigos. Ese hándicap, pouco decisivo durante un tempo, acabou acugulando o vaso e derivou nalgo que tivo o seu punto de inflexión na Operación Muralla. Cacharro xa non podía seguir ao fronte dunha institución investigada pola xustiza. E quen pretendía quitalo do medio xa tiña con que convencer ás bases. Pero Francisco gardaría un ás na manga que se chamaba eleccións municipais. A ninguén se lle escapa xa que os resultados do PP -moi negativos en xeral-, resultaron mellor para el que o foron para os demais compañeiros. ¿E agora que? Cacharro vaise convencido de que algúns no seu partido foron moi desagradecidos con el. E vaise, quizais sen darse conta, amosando algo que o dicionario recolle coa seguinte acepción: «Inmoderado e excesivo amor que un ten por si mesmo e que lle fai atender desmedidamente ó seu propio interese». Un egoísmo que o deixa só e sen poder. Porque superada esta fase, Cacharro non é máis que o principio e fin de si mesmo, non do partido nin dos resultados que acade esta forza política.