Bretoña, Guitiriz, Abadín, Riotorto ou Castro celebran festexos estes días
03 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Lugo | A provincia lucense volverá recuperar esta fin de semana o espírito festivo que tanto a caracteriza, sobre todo nestes meses. Son tantas e tan variadas as citas previstas para os vindeiros días, que o difícil será decidirse por unha delas, aínda que sempre cabe a posibilidade de ir alternando.
Logo dun pequeno período para a reflexión, hoxe volve con toda a forza das súas anteriores edicións a Festa Celta do Lugnasad, co coto da Auruxeira, en Bretoña, como escenario mítico da súa celebración. Será unha celebración con algunha que outra novidade e os ingredientes que fan desta unha cita única e singular.
Lendas populares
Entre as novas propostas deste festival está a representación teatral de lendas populares galegas. Nesta ocasión, a agrupación teatral Francisco Piñeiro porá en escena A cova da serpe e Catalina de Santiso. Será ás cinco da tarde, e dúas horas despois terá lugar un concerto de arpa céltica a cargo de Xavier Gómez. A agrupación de música tradicional Cantigas e Frores cerrará as actuacións desta tarde cun pasarrúas.
Xa pola noite, a partires das dez, será tempo para a celebración de tres grandes concertos con tres grandes artistas: o grupo Stranniki, Linho do Cuco e Os Carunchos. Na hora máxica da medianoite, todos os asistentes a esta festa celta reuniranse para participar do conxuro da queimada. E no momento álxido desta celebración terán lugar as vodas celtas, nas que exercerá como oficiante o druída Manuel Aneiros.
De Bretoña a Guitiriz e da Festa Celta do Lugnasad ao Festival de Pardiñas, un clásico entre os clásicos, que coma sempre chega esta fin de semana cargado de propostas, coas mostras de artesanía e de instrumentos tradicionais e as exposicións de pintura, escultura, fotografía e cerámica, no apartado artístico, e os concertos de Ludovaina, Ghaita de Pedra, Korrontzi, Os Cempés, Os tres trebóns, Os Enxebres de Cacheiras, Dazkarieh, Xuacu Amieva e Elzef, no apartado musical.
Foliada en Riotorto
Sen deixar de lado a música tradicional, Riotorto acollerá mañá a cuarta Foliada, na que participarán Arrincadeira, de Lugo; Nove Ferreñas e o grupo de baile rexional da Apa, ambos de Meira; Gaiters d'o Semontano de Balbastro, en Huesca; e Xente Nova, de Vegadeo. As actuacións darán comezo ás oito da tarde na praza de As Rodrigas. Logo dun parón para degustar churrasco e queimada continuará a festa, a música e o baile.
Sardiñada en Gontán
Aínda que xa van quedando menos, a provincia luguesa tamén se apunta ás citas gastronómicas e a deste sábado en Gontán, no concello de Abadín, terá como protagonistas as sardiñas. Así, os que se apunten a este banquete, que terá lugar na praia fluvial, poderán degustar apetitosas racións de empanada, sardiñas, pan e viño.
Agosto é sinónimo en Portomarín da celebración dos Domingos Folclóricos, que nesta primeira cita do 2007 terán como protagonistas a Escola Municipal de Música e Danza Osorio Gutiérrez, de Lourenzá; Riosmar, de Cangas de Foz; a agrupación cultural Río Miño, de Portomarín e o contacontos Benito Guerreiro.
Castro de Ribeiras de Lea continúa celebrando as súas patronais, con grandes orquestras como Abanico e Jerusalén, o sábado; Panamá e Panorama, o domingo; e La Oca, o luns, xornada na que tamén actuarán Silvia Pantoja, Astarot e OBK.