Un dos paxaros máis populares do sur lucense, a papuxa, padeceu nas últimas décadas unha forte regresión que aínda non o situou no catálogo de especies ameazadas pero podería facelo nun futuro próximo. Un equipo da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) realizou durante esta fin de semana en Bóveda unha mostraxe que axudará a coñecer mellor a situación en que se achan estas aves e, eventualmente, a mellorar a súa protección. A papuxa formou parte da gastronomía tradicional da zona -consumíase frecuentemente en empanadas en Monforte e noutras localidades da comarca- e aínda non hai moitos anos era cazada en grandes cantidades.
Durante estes días, os ornitólogos da SGO capturaron máis dunha trintena de exemplares de cinco variedades de papuxa presentes na zona: papuxa común ( Sylvia communis ), papuxa das amoras ( Sylvia atricapilla ), papuxa do mato ( Sylvia undata ), papuxa picafollas ( Sylvia borin ) e papuxa cabecinegra ( Sylvia melanocephala ), cuxos nomes en castelán son, respectivamente, curruca zarcera, capirotada, rabilarga, mosquitera e cabecinegra. Os animais foron sometidos a análises biométricas e provistos de aneis identificadores antes de ser liberados de novo, o que permitirá calibrar a estado sanitario destas aves e seguir con máis precisión as súas rutas migratorias.
As papuxas, a pesar do seu pequeno tamaño, poden ser capaces de percorrer enormes distancias. A común e a picafollas pasan os meses cálidos no norte de Europa e ao acabar o verán emigran para o sur da Península e África. A papuxa das amoras pode ser igualmente migratoria, pero en Galicia tamén parece haber poboacións sedentarias que se desprazan estacionalmente das montañas ás zonas baixas. A papuxa do mato e a cabecinegra son sedentarias.