Aínda que hoxe o protagonista desta sección é o teatro, imos empezar con danza, porque esta arte foi a que centrou onte as actividades da Semana de Benvida, encadrada na programación de Lugocultural. O Espazo de Danza Universitario continuou coa posta en escena do seu espectáculo de improvisación Xa que pasas... , co que intentan sorprender en diferentes espazos do campus lugués a todos aqueles que se atopen nese lugar. Onte as sorprendidas foron as persoas que estaban na cafetería da Facultade de Humanidades e tamén os que se encontraron con estes atípicos bailaríns na Escola de Maxisterio, na de Relacións Laborais e na Politécnica. No programa de hoxe figura unha visita guiada ao Museo Provincial e un concerto no que Daniel Bellón e Diego Maceiras interpretarán temas do seu primeiro disco Unión das Terras . Será ás nove da noite na Escola Politécnica Superior.
Está xa en marcha unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil, que de aquí ao 21 de novembro ten programadas varias representacións de seis obras no auditorio Gustavo Freire e no Centro Social de Fingoi. Pola mañá, as diferentes compañías levan a cabo a posta en escena das súas pezas teatrais para grupos de escolares; mentres que un día á semana hai representacións pola tarde, abertas a todos os públicos. Onte o auditorio municipal encheuse de alumnos de Educación Infantil que asistiron á representación que o grupo Lavi e Bel fixo da obra Petit Cabaret , unha peza na que os seus protagonistas se atopan cos seus propios medos. Hoxe volverá ser representada ás dez e ás doce da mañá.
A Mostra de Teatro Infantil non é a única iniciativa que ten en marcha a Concellería de Educación, xa que onte a súa responsable, Dolores Vieiro , presentou a nova edición da Aula de Formación Teatral, xunto co seu director, Guillermo Cancelo . Dará comezo o 12 de novembro e no caso dos adultos desenvolverase nos centros sociais de Fingoi e da Milagrosa. Nesta ocasión aumenta o número de centros de ensino que van participar nesta aula de formación, que presenta como principais novidades a realización de tres cursos intensivos de formación teatral entre xaneiro e marzo; un curso de clown de vinte horas impartido por Iván Prado e Fran Rei , do grupo Os sete magníficos máis un; un curso de escenografía teatral e outro de creación de máscaras e monicreques.
A compañía Nova Escena Teatro celebra o seu décimo aniversario e con tal motivo organizou o ciclo de teatro amador «Atracción Teatral», contando para elo coa colaboración da Concellería de Muller e Benestar Social. As representacións programadas dentro deste ciclo son: O percebe e o pingüín , de Palimoco Teatro, o día 20; Indíxenas na cidade , do grupo de teatro da Biblioteca de Antas de Ulla, o día 27; Utopía 94 , de Metátese Teatro, o 10 de novembro; Bágoas de noitébrega , do grupo vigués Atrezzo, o 17 de novembro; Cinco mulleres co mesmo vestido , de Nova Escena Teatro, o 24 de novembro; e Aquí cheira a morto , de Teatro de Cámara Ditea, o 1 de decembro. Todas as funcións serán ás oito da tarde, agás a última, que será ás oito e media. O escenario será o Centro Social de Fingoi e a entrada, gratuíta.
Segue aberto o prazo de inscrición para o curso de formación actoral titulado «Corpus: a improvisación», que organiza o Teateatre. O encargado de impartir as clases será o actor, escenógrafo, director e autor teatral Suso Díaz , vinculado á compañía Sarabela Teatro. O prezo deste curso é de 70 euros, que se reducen a 50 para os que sexan membros da Federación Galega de Teatro Afeccionado. Información e inscrición no 982 285 900.