O Valle-Inclán programa un outono literario sobre prosa

LUGO

24 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O colectivo cultural máis activo da cidade, o Valle-Inclán, non se esquece un outono máis de propoñer actividades que axuden a poñer un pouco de reflexión e sentido común.

Para iso vén de programar un ciclo de conferencias baixo o título de Outono literario: tempo de prosa . Este ciclo comeza mañá, ás oito do serán na Galería Sargadelos, (mesmo horario e lugar para o resto de conferencias) e con entrada libre.

Abre este outono literario o profesor da USC Manuel Fernández Rodríguez, que analizará a situación actual do ensaio en Galicia. O vindeiro martes, a autora e directora teatral Ánxeles Cuña (Sarabela Teatro) ofrecerá a segunda conferencia co título de Teatro, camiño de ardora .

O ciclo de outono continuará ao día seguinte coa presencia da profesora da Facultade de Humanidades e escritora lucense Carmen Blanco, que disertará cun título moi suxerente: Lugo atracción total .

Axeitos

A programación literaria do clube Valle-Inclán proseguirá o 5 de novembro coa participación do actual secretario da real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, quen falará sobre a cultura epistolar na Galicia do Rexurdimento. O día 8 do mesmo mes, o investigador e crítico literario Armando Requeixo acudirá a Lugo para falar da narrativa galega actual.

O ciclo literario rematará o 9 de novembro coa presenza de dúas mulleres: María Xosé Barrios e María Reimóndez, quenes co título de Diálogo a dúas. novas narradoras lucenses , exporán as inquedanzas das persoas que queren iniciarse na literatura.

Estas charlas literarias do Valle-Inclán contan co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte.