«Psicopatoloxía do encontro» é un ensaio escrito por psiquiatras, coa axuda dos retornados, que fan de pacientes
22 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.«Non é o drama dos que se van, senón dos que volven», así definiu Benxamín Casal a temática do libro Psicopatoloxía do encontro , premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2006, presentado o pasado luns en Caixa Galicia polos seus autores: Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, ámbolos dous psiquiatras.
No acto, programado polo Club Cultural Valle-Inclán, participaron, ademais da presidenta deste colectivo e os mencionados autores, Luis Vila, xefe de Psiquiatría de Lugo e o director xeral da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes.
García-Caballero e Area Carracedo apoiaron o seu discurso no saber profesional e no trato habitual cos pacientes, onde precisamente descubriron que os emigrantes retornados obviaban algo tan relevante como o que se explica no libro, o dobre choque cultural que sofre quen vai e volve con outra identidade, non sempre aceptada no seu entorno.
Rigor profesional
O xefe de Psiquiatría Luis Vila referiuse ao rigor profesional dos autores do ensaio, cos que garda amizade dende o seu paso polo hospital Xeral-Calde. Referiuse ao rexionalismo lirista, nas súas peores connotacións, en alusión ao libro e tamén advertiu do perigo de que Galicia acabe convertida, dixo, nun parque temático. Rexeitou aos que practican o «familismo moral».
Víctor F. Freixanes, pola súa banda, salientou que o xénero do ensaio naceu para crear debate e reflexión, engadindo que os libros teñen a súa razón de ser se se len. Tamén recoñeceu que o lector goza do dereito a deixalos, citando ao escritor francés Daniel Pennac.
Galaxia cos ensaístas
O director da editorial Galaxia explicou que «o premio de ensaio Ramón Piñeiro naceu con vocación de abrir na literatura galega un espazo coa vida», apoiado nunha inquedanza: a de fortalecer a cultura no necesario proceso de modernización. Así, apostilou Freixanes, naceu o grupo Galaxia de ensaístas.
Escolma
O editor e tamén autor de O triángulo inscrito na circunferencia anunciou que, partindo da data de nacemento da editorial (1950), sairá en breve, por encargo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, unha escolma de ensaios publicados na década dos 50, 60 e 70, onde aparecerán nomes como Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Uxío Novoneyra, aos que se unirán, entre outros, os de Xosé Manuel Beiras e Pérez Touriño.