O pleno de Castro deixa sobre a mesa a ampliación do horario da gardería e a creación da Escola de Música
LUGO
«Iso o que vai supoñer é que o Concello pague máis». Así reaccionaba o alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, logo de que no pleno celebrado onte ao mediodía non saíse adiante a proposta para delegar na Deputación a recadación de determinados impostos básicos. O documento debería ser aprobado por maioría absoluta, pero tanto os concelleiros do PP coma os do BNG votaron en contra polo que a proposta non foi aprobada.
A modificación da ordenanza da gardería, que posibilitaría a ampliación do seu horario de apertura, que pasaría a ser de sete e media da mañá a oito da tarde foi outro dos asuntos importantes deste pleno, un asunto que quedou sobre a mesa, ao igual que a proposta para crear unha Escola de Música. En ambos casos populares e nacionalistas alegaron que habería que falar máis sobre estas cuestións. O rexedor amosou novamente a súa estrañeza ante a postura dos concelleiros da oposición, xa que tanto no caso da gardería como no da Escola de Música existían informes favorables para que as iniciativas prosperasen. Díaz Valiño subliñou que PP e Bloque deberán explicar a súa postura aos veciños, entre eles aos 63 que xa se apuntaran na citada escola e que ven como de momento non se pode poñer en marcha.
En resposta a preguntas do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego, o alcalde dixo que a non apertura do Centro Sociocultural obedece a que Vicepresidencia da Xunta non achegou o diñeiro para o mobiliario. En canto ao Centro de Día, negou que o prazo para a súa construción xa estivese rematado. Polo que respecta ao cambio de nome dalgunhas rúas, será unha comisión veciñal a que o estude.