«Teño a vantaxe sobre Blanco de que coñezo a provincia»

LUGO

Barreiro di que ao PSOE pasaralle na provincia o mesmo que na capital, onde perdeu a confianza para ter a maioría absoluta

24 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dirixiu un proceso de renovación no seu partido para o que as eleccións do 9 de marzo serán un test fundamental. O ex conselleiro Xosé Manuel Barreiro Fernández (Lugo, 1957), presidente provincial do PPdeG e portavoz do seu grupo na Deputación, é candidato ao Senado nas primeiros comicios xerais nos que non competirá Francisco Cacharro Pardo, un dos máis veteranos senadores de España. Barreiro, membro da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, aspira a escano no Senado, pero mídese co cabeza de lista dos socialistas ao Congreso: «Teño a vantaxe sobre Pepe Blanco de que coñezo ben a provincia e as súas necesidades, porque a percorro a diario; isto non se dá no caso dos candidatos dalgunhas outras forzas políticas»

-Relevará vostede a Cacharro Pardo no Senado como o relevou na presidencia do PP lucense...

-Depende como se mire. Alguén pode pensar que relevo a César Aja ou a Fernando Carlos. O partido estimou conveniente a renovación. No caso de Cacharro, el mesmo expresou a súa vontade de non continuar.

-No proceso de renovación do partido, as próximas eleccións poden ter un peso decisivo. ¿Como ve ao seu partido fronte ao 9 de marzo?

-Estou convencido de que o Partido Popular vai ser a forza maioritaria e vai ter tres senadores e reforzar a súa posición no Congreso; non vai ser fácil, pero creo que conseguiremos o terceiro deputado. Hai na provincia sentimento de cambio. Creo que en Lugo é moi importante o feito de que o PSOE demostrou pouco compromiso con esta provincia. De todas as promesas feitas por Pepe Blanco non se cumpriu ningunha; catro anos despois no existe nada do prometido. Os socialistas non son cribles e por iso perderon a maioría absoluta no Concello de Lugo; o que aconteceu na capital vaise dar no conxunto da provincia. Quizá por iso Pepe Blanco fai pouca campaña aquí.

-Cambios no partido, candidato nas pasadas eleccións municipais, portavoz provincial e agora aspirante ao Senado. Todo en moi pouco tempo. ¿Como anda de «pilas» a estas alturas da campaña?

-De momento ben, quizá debido a que o adestramento foi bo. Unha das vantaxes que teño sobre algúns adversarios é que coñezo as necesidades da provincia porque a percorro a diario. Levo uns cantos anos centrado na política da provincia; percórroa todos os días e vexo unha receptividade importante. Percibo que a xente pasa por dificultades de tipo económico e dáse conta de que son debidas a un Goberno que non se preocupou polos problemas reais da sociedade. É difícil establecer indicadores obxectivos, pero a capacidade de resposta da xente é importante, como se viu no arranque da campaña en Lugo.

-Tantos viaxes pola provincia supoñen moitas horas de coche...

-Si. Viaxo no meu propio coche. Teño a vantaxe de que me gusta moito conducir. En ocasións, turnámonos entre os compañeiros. Pero si, son días de saír moi cedo da casa e de non volver ata ben entrada a noite. Como dixen, xa hai adestramento persoal, e tamén familiar.

-Terá que deixar temporalmente a Universidade...

-Si, se son senador, si, porque son postos incompatibles.