Os perseguidos da Restauración

Xaime López Arias

LUGO

En Sarria só se levaron a cabo actuacións contra os carlistas, mentras que non se tomaron medidos contra outros grupos coma republicanos ou radicais

04 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que republicanos, radicais e carlistas poderían ser considerados como a oposición natural á Restauración en 1875, no Concello de Sarria só se deron actuación contra carlistas (non hai peor cuña ca da mesma madeira, e as dúas ramas dinásticas daban en carne viva).

O 29 de xullo de 1875 o alcalde de Sarria tomou coñecemento de que se seguían expedientes de embargo dos bens de Evaristo Gayoso (do Pazo de San Sadurniño de Froián), Manuel María López (de Goimil), Vicente Barrigón (que fora mestre en Mondín) e Manuel López Camba (de Manán). En 30 de xullo comunicou que Evaristo Gayoso se presentara a indulto e que aínda que se perseguían responsabilidades contra don Manuel María Troncoso e Araújo, con orde de desterro e embargo, non residía no distrito, senón no Corgo. Nesa mesma data entregouse orde de embargo e desterro a Estella a don Antonio Fernández Sobrado (sendo carlista resulta curioso que o manden a cidade que fora corazón da rebelión), indicando que ese veciño de Ferreiros era máis coñecido como Antonio Sobrado e formara parte da Xunta Carlista do Distrito de Sarria. Recibidas instrucións relativas aos embargos o 4 de xullo cominicou o alcalde que ningún ben se puidera achar referido a Vicente Barrigón, Manuel López e Manuel María.

Como fleco das ordes contra carlistas o 12 de agosto envían notificacións para serlles entregadas a Juan María López de Almance (cura castrense de Sarria), Antonio López Pallares (cura de Goián) e Xosé María Martínez (cura de Santa María de Vilar), que non puido ser notificado por estar nos baños de mar na Coruña. O 22 de agosto tomouse coñecemento da orde de desterro de dona Asunción Troncoso, do Mato, á que lle deron dez días de prazo para abandonar o municipio para o punto sinalado, ao tempo que se indicaba terlle sido concedido o indulto a Manuel María López, de Goimil (Seteventos).

O 16 de setembro tomou posesión o novo alcalde, don Antonio Macia de Neira, e no resto dese ano nin no seguinte houbo actuación ningunha dirixida contra os significados carlistas.

Unha actuación que dará certo tinte republicano á zona de Sarria é a seguida con relación as augas de Céltigos que procedentes da fonte das Caldas viñan sendo obxecto de atención médica e do público en xeral de maneira que o 7 de abril de 1875 o alcalde sarriano recibiu unha petición do Goberno Civil para que lle remesasen dúas botellas, seladas e lacradas coas augas, e así o día 13 foron remitidas acompañadas dunha copia das sustancias minerais que contiñan, segundo o análises feito polo doutor Antonio Casares de Santiago.