«O carril bici é necesario, pero con moita seguridade, non vale só pintar o chan»

Raquel González

LUGO

24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Arrincou onte en Chantada e hoxe chega á capital. É a primeira Volta ás comarcas de Lugo que terá como protagonistas a 18 equipos internacionais, de Italia (dos máis fortes da competición), Francia e Portugal e que organiza o Club Cidade de Lugo.

-¿É unha aposta persoal do clube?

-Si, por consolidar unha proba que creemos necesaria para desenvolver este deporte na provincia. Empezamos con esta primeira cita e cun nivel moi alto. Hoxe en Lugo arranca ás 13.45 horas co control de firmas en San Marcos. Partirá cara Castro de Ribeiras do Lea, Rábade, Vilalba, Cospeito e volta á capital. A chegada será na zona peonil da ronda da Muralla. Haberá actividades para os nenos.

-¿Cómo é a saúde do ciclismo?

-É un deporte moi minoritario a nivel competitivo pero estamos traballando nas Escolas Municipais de Lugo e Rábade. Temos varios campionatos galegos e os rapaces van pouco a pouco.

-¿Qué lle parece o debate social sobre a necesidade de adaptar Lugo a un vehículo como a bicicleta?

-Moi ben. Pero hai que cambiar a forma de pensar e conducir. Non hai cultura de respecto ó ciclista, nin ó peón. O carril bici é necesario pero con moita seguridade. Non vale so con pintar no chan. Non ensinámoslles ós nosos alumnos das escolas que pensen que son ciclistas pantasmas, que ninguén os ve para que vaian atentos sempre a todo, porque ninguén os vai a respectar. É autoprotección.