Un agosto para todos

S.Varela

LUGO

O Museo Provincial programa actividades de lecer nun mes no que é difícil que Lugo teña presenza cultural

06 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

¿Quen dixo que en agosto non se facían cousas en Lugo? Niso leva anos traballando o Museo Provincial e este verán non ía ser menos. O responsable da área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, e maila xerente da Rede Museística, Encarnación Lago, presentaron onte no xardíns do Museoun amplo programa de actividades de lecer para todos os públicos, idades e gustos.

Veiga destacou actividades para os máis novos, comos os obradoiros Iniciación á compostaxe, a cargo de Adega; Creación literaria, con Xosé Miranda e Paco Rivas; Ximnasia da imaxinación, con Anxo Moure; Deseña a túa camiseta, Mosaicos e Facendo ferramentas do pasado.

Tamén se programaron actividades para as fins de semana de agosto, dirixidas a pequenos e maiores. O sábado día 9 o Museo acollerá un obradoiro de fabricación de xoias, Enxoiate , a cargo de Miguel Caamaño. O seguinte sábado haberá unha proxección de cinema documental, co pase de Homes de xeo: Robert Falco Scott e Ernst Shackleton . O seguinte sábado, o 23, o Museo albergará unha actividade musical, con Iulius XIII. Na derradeira fin de semana haberá dúas proxeccións dos documental Homes de ciencia: Leonardo da Vinci e Isaac Newton Thomas .

Exposicións

Ademais, os visitantes poderán ver varias mostras nas instalacións do Museo, como a inaugurada o pasado luns: A pel dos sentidos . O vindeiro día 14 abrirase a exposición da artista Ana Mazoy. Ademais, seguen en cartel a colección do Proxecto Abertal e esta semana rematan as mostras de Goyanes e de Fina Eirós.

Como ven acontecendo desde o inicios de celebración do 75 aniversario do Museo Provincial, todos os días 10 de cada mes proxectanse fotografías de imaxes das pezas do propio centro nas fachadas exteriores, entre as oito e a doce da noite. Ademais, entregaranse aos visitantes as láminas do Cartafol do Museo .